O BNG denuncia a pretensión do PP de substituír a actual Lei de Patrimonio aprobada por consenso por outra que só aporta confusión e desprotección e que ten como gran novidade a descentralización de competencias cara os concellos sen antes dotalos de medios humanos e recursos económicos.
No debate parlamentario sobre o Proxecto de lei de Patrimonio remitido pola Xunta, a portavoz parlamentaria de Cultura, Ana Pontón, chamou a atención sobre a difícil situación do patrimonio cultural galego debido a unha lexislación que se incumpre e a uns orzamentos que tachou de ridículos en relación ás necesidades reais.
Neste sentido, a deputada esgrimiu como proba da falta de compromiso do PP co patrimonio do país os minguantes orzamentos adicados a súa preservación e difusión.
A Xunta destina menos de 8 millóns de euros a investimento real do patrimonio cultural, cifra inferior aos 9 millóns de euros que adica a manter a cidade da cultura, o que supón un incremento do 30% fronte ao descenso do 42% experimentado polo orzamento para patrimonio desde 2009, explicou a deputada.
Pontón foi especialmente crítica coa pretensión de pasar a responsabilidade da preservación patrimonial á administración local.
Dinnos que no medio dunha crise económica, sen recursos e sen medios, a gran novidade lexislativa é a descentralización cara os concello, dando a entender que facelo desde a Xunta é pouco menos que dar as costas á cidadanía e actuar con paternalismo, alegou a parlamentaria, quen cualificou de disparate tal argumentación do PP para xustificar a nova proposta normativa.
Para o Bloque, o Proxecto de lei de patrimonio provoca maior desprotección do patrimonio con conceptos que van xerar mais confusión, -como a creación de ata tres rexistros sen relación algunha entre eles-, baleira a Xunta de competencias nesta materia, carece dunha estratexia de participación social na xestión do patrimonio, mantén os privilexios da Igrexa e non resolve como tratar e exhibir os bens arqueolóxicos.
Este proxecto de lei é un salto ao baleiro de última hora co que pretenden tapar a desfeita en materia de patrimonio, concluíu Pontón na defensa da emenda á totalidade do BNG que foi rexeitada.