Centos de mulleres asasinadas vítimas de terrorismo machista, miles de denuncias por violencia de xénero, miles de axudas económicas solicitadas para romper a convivencia co agresor son datos que constatan a magnitude dunha realidade que debería ser abordada como prioridade de Estado.
Así o reclamou a portavoz de Igualdade, Carme Adán, durante a defensa dunha iniciativa parlamentaria do BNG para reclamar a redacción no prazo dun mes dun plan de medidas urxentes que recolla orzamentos e medios humanos para afrontar as carencias máis perentorias expostas na propia Cámara por todos os colectivos, institucións e persoas que traballan coas vítimas, e que foron expostas na Comisión parlamentaria de Igualdade.
Un plan urxente, sinxelo, curto, dotado de orzamentos e de medios humanos para loitar contra a violencia machista desde a prevención ata o acompañamento médico, legal e laboral, indicou Adán. Temos por diante o reto de dotar de medios materiais e humanos a loita contra a violencia de xénero, recalcou.
Ademais da posta en marcha inmediata dese plan, Adán propuxo que as axudas económicas ás mulleres maltratadas, -o denominado salario da liberdade-, estea dispoñible para as vítimas ao longo de todo o ano, de xeito similar a prestación da renda contra a exclusión social do Risga.
De novo, o Bloque insistiu tamén en incluír no ordenamento xurídico o concepto de feminicidio para o tratamento integral da violencia e xénero, algo fundamental sobre o que aínda non hai consenso, lamentou Adán, quen tamén reclamou que todo o persoal da administración de xustiza conte coa formación necesaria en violencia de xénero tanto desde a perspectiva legal, social e psicolóxica.