Vence: "Só 35 docentes de todo o cadro de persoal das universidades galegas teñen menos de 30 anos"

Reunión Xavier Vence comunidade educativa da UDC

O BNG denuncia a deriva da política universitaria que marca o PP, tanto desde o Goberno central como desde a Xunta, que ten no decreto Wert do 3+2 a última agresión “frontal” á universidade pública.

“Implica a degradación da formación universitaria futura, vai supoñer un encarecemento dos estudos superiores que expulsará da Universidade aos fillos e fillas das familias máis modestas, posto que non vai acompañado dun programa de bolsas, senón dunha redución das axudas para o ensino superior”, argumentaba o portavoz nacional, Xavier Vence, ante a comunidade educativa da UDC dentro da ronda de contactos que o Bloque está a manter coas universidades galegas.

Vence advertiu que o cambio de titulacións non é o único problema que afecta “de cheo” á calidade do ensino superior. O deficitario financiamento está “estrangulando” os cadros de persoal, ante a falta de renovación de docentes e investigadores e investigadoras.

“A día de hoxe nas tres universidades galegas só hai 35 profesores e profesoras menores de 30 anos, un dato que o di todo sobre o envellecemento, o que dificulta a capacidade docente e investigadora das universidades que se está notando xa na calidade da investigación e da docencia”, advirte o dirixente nacionalista. “Temos o persoal universitario máis envellecido de todo o Estado español”, recalca.

No encontro con membros dos colectivos de PDIs, PAS e alumnado da UDC, Vence enumerou tres propostas concretas que formula o Bloque en aras dunha universidade de calidade. En primeiro lugar, e de cara ao plan de financiamento 2016-2020 de inmediata negociación, demanda unha dotación anual mínima de 450 millóns de euros para o sistema universitario, fronte aos 380 actuais, insuficientes para garantir a calidade docente e investigadora.

En segundo lugar, un programa de bolsas “suficiente” para garantir que ninguén con aptitudes queda fora do ensino superior por razóns económicas, de aí que como terceira medida se aposte por manter o actual sistema de graos en lugar do 3+2 que propón Madrid ou, cando menos, que o custe da matriculación dos cursos de grao (3) sexa o mesmo tamén para os cursos de master ou postgrao (2).

“Manter as titulacións coa extensión suficiente para que saían titulados e tituladas suficientemente preparadas para unha economía baseada no coñecemento, que é onde está o futuro e, por outro lado, pedimos a Xunta un plan de financiamento cun mínimo anual de 450 millóns de euros, incluíndo un programa de bolsas que faciliten o acceso á universidade , sintetizou Vence.

Ao encontro na UDC tamén asistiu o portavoz parlamentario en Educación, Cosme Pombo, e o portavoz municipal na Coruña, Xosé Manuel Carril, docente da propia UDC.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG