Vence: “queremos encher o Morrazo de bueus o 24M con gobernos honestos, eficientes, nos que as persoas sexan o primeiro”

Xiraldez reivindica o seu orgullo de canguesa e salienta a “longa traxectoria de traballo” do BNG pola veciñanza

Juncal defendeu unha “estratexia para toda a comarca para que Bueu deixe de ser unha illa”

cangas16“Temos que encher a comarca do Morrazo de Bueus, concellos para a xente, transparentes, honestos, eficientes na xestión, que apostan polos servizos públicos, capaces de dinamizar a economía e o comercio local, concellos sociais que se poñen do lado dos que máis sofren, así é o concello de Bueu que lidera o compañeiro Felix e queremos que esa maneira de gobernar se estenda a Cangas, a Moaña, a Marín, a Vilaboa a partir do 24 de maio”, proclamou o portavoz nacional, Xavier Vence, no mitin de BNG-Asembleas Abertas en Cangas.

Un mitin comarcal coa participación de Ornela Salgado, candidata por Vilaboa, Pilar Branco, por Marín, Leticia Santos, por Moaña, Felix Juncal, alcalde e candidato de Bueu, e Mercedes Xiraldez, candidata por Cangas.

O aval do traballo feito desde os concellos como o de Bueu foi o principal argumento do dirixente nacionalista para pedir o apoio a toda a veciñanza da comarca ás candidaturas do BNG-Asembleas Abertas.

“Pedimos o apoio para un proxecto nacionalista que defende os intereses do país tamén desde os concellos, que sería de Galiza sen un nacionalismo como o que representa o BNG para defender o noso aforro, para defendernos do espolio, para defender o agro e a pesca, os nosos recursos enerxéticos, que sería deste país sen un nacionalismo que defendese a súa cultura e a súa lingua?”, argumentaba.

Pilar BrancoDa saia remangada

A candidata a Alcaldía de Cangas, Mercedes Xiraldez, destacou o acto “aberto” da formación nacionalista porque “estamos para dar a cara, para loitar por todos e todas neste concellos, voten ou non ao BNG”. Reivindicou os seus orixes cangueses, “dos da saia remangada e dos da punta do peirao”, e salientou o papel da formación nacionalista a favor da veciñanza, “porque temos unha longa traxectoria de traballo por Cangas”.

Emprego e políticas de muller

Fixo unha lembranza da última vítima de violencia machista e reivindicou uns mellores servizos para a muller, “que tamén son as que sofren a maior taxa de paro neste concello”. Potenciar as políticas a favor da muller e a loita contra o desemprego, “porque temos 3.000 parados entre os veciños e veciñas”, como prioridades para o goberno. Neste sentido, criticou que o rexedor do PP, “e outras marcas brancas”, rexeitaran “unha tras outra as propostas presentadas polo Bloque para xerar emprego. Onde estaba cando a Xunta denegou os obradoiros de emprego?”, se preguntaba Xiraldez.

Igualmente fixo referencia a necesidade de contar con máis solo empresarial así como sacar adiante o plan xeral de urbanismo, “agochado nun caixón” polo PP. Dentro desa prioridade polo xeración de emprego, tamén subliñou a aposta “incondicional” ao comercio local, que dinamice as rúas e “xera oportunidades de traballo”.

cangas19Estratexia comarcal

Juncal lembrou cando Cangas, Moaña e Bueu conforman un núcleo de concellos con gobernos nacionalistas e instou a recuperar eses gobernos para conformar unha nova comarca próspera, “libre dos recortes do PP”, na que tamén se integren Marín e Vilaboa, “porque en Bueu non temos vocación de ser unha illa”.

Ornela Salgado expresou quere para o Morrazo “concellos abertos, igualitarios, para vivir e traballar neles, parapetos ás políticas do PP, e quero que Vilaboa sexa un destes concellos, que por riba de todo teña ás persoas”. “O morrazo ten que volver a ser unha comarca liberada con cinco gobernos do BNG”, concluíu.

Pilar Blanco aposta porque Marín deixeie atrás “as vellas formas de facer política, baseada nos privilexios, corrupción e amiguismo”. “Tamén dende os concellos se pode construír futuro, demostrar que a nosa maior riqueza e o noso, paisaxe, xente, recursos”, subliñou.

Leticia Santos, candidata por Moaña, aspira un concello “no que poder vivir e traballar dignamente, sen que a xente nova coma min teña que resignarse a emigrar”. Neste sentido, dixo, “os concellos teñen que ser unha ferramenta para dinamizar a nosa economía, o comercio local das nosas vilas”. Santos defendeu para Moaña “un urbanismo responsable que non sexa un negocio, queremos ter uns servizos sociais que aposten polas persoas e as súas necesidades”. “Temos que ter un concello de verdade, de portas abertas para todos os veciños e veciñas”, concluíu.

Todos os candidatos e candidatos de BNG-Asembleas Abertas defenderon sumar propostas e iniciativas, cooperando, para o conxunto da Comarca, para favorecer o seu dinamismo económico e darlle un futuro a xente moza e ao conxunto da veciñanza destes concellos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG