Vence propón 6M€ máis en 2015 para as universidades galegas, entre as peor financiadas de Europa

REUNION VENCE ARMESTOOs recursos previstos para as universidades nos orzamentos de 2015 e a inmediata negociación do que será o plan de financiamento 2015-2020 centraron a reunión entre o portavoz nacional, Xavier Vence, e o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, cunha conclusión compartida: é preciso incrementar os recursos para manter unha universidade pública de calidade.

“Desde que en 2009 Feijóo chegou á Presidencia, as universidades perderon 68 millóns de euros, un recorte do 18%, que se traduce nun sistema universitario que figura entre os peor financiados de Europa e do Estado español, o peor ratio de financiamento por profesor e alumno”, denunciou Vence.

Neste contexto, o BNG propón como medida inmediata un incremento de seis millóns de euros nos orzamentos de 2015, que negociará na tramitación parlamentaria. “Unha cifra realista, perfectamente posible cunha mudanza de prioridades que prime o ensino público en vez de dar recursos para as empresas amigas que xestionan concesións”, argumentou o dirixente nacionalista.

O recorte continuado impide contratar persoal docente e investigador, un retroceso de quince anos en I+D+i e provoca a exclusión d@s fill@s das familias humildes pola caída das bolsas.

As demandas do BNG pasan pola reposición das xubilacións e baixas no persoal docente, e a contratación de xente nova para “manter vivas” as equipas de investigación. Co actual goberno da Xunta, “Galiza perdeu posicións en gasto de I+D+i en relación ao PIB, pasando do 1,05% en 2009 o 0,87% actual, un nivel que nos retrotrae aos anos noventa”, denunciou Vence, quen tamén fixo fincapé en que, ademais de ter menos recursos para investigación, “o 50% do que se presuposta non se executa”.

Igualmente, alertou de que os recortes no ensino superior están provocando a exclusión do ensino superior dos estudantes con menos recursos, debido ao empeoramento das condicións de vida e de ingresos de gran parte das familias do país.

En mínimos

“É preciso un plus de apoio por parte do Goberno con máis e mellores bolsas para que os estudantes podan acceder á universidade e non vaiamos pola vía da exclusión do sistema universitario dos que teñen menos para deixalos abandonados nun mercado no que tampouco se lles ofrece un emprego”, argumentou Vence.

A medio prazo, o futuro plan de financiamento universitario debe corrixir a situación límite que viven as universidades galegas, “sen capacidade nin recursos para facer política universitaria ou facer accións específicas á investigación”. “Están en mínimos”, concluíu o portavoz nacional.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG