Vence pide o apoio para BNG no Salnés para frear o deterioro da sanidade na comarca

“O hospital do Salnés parece un ambulatorio e resulta incrible que 100.000 persoas non teñan unha ambulancia medicalizada”, denuncia

Os candidat@s BNG-Asembleas Abertas no Salnés priorizan a defensa dos servizos públicos para a veciñanza

VENCE E CANDIDATOS SALNES“A comarca do Salnés é un exemplo de libro das consecuencias da política de recortes do PP que aquí afectan de cheo a un servizo público básico como a sanidade e os servizos sociais”. Así se manifestou o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, tras reunirse cun colectivo de traballadores sanitarios para escoitar as súas demandas e necesidades.

“A degradación da calidade dos servizos sanitarios e sociosanitarios na comarca do Salnés é alarmante, unha consecuencia dos recortes impulsados polo PP dende a chegada de Feijóo á Xunta”. Vence lembrou que esta realidade é a que está a ser denunciada tamén polos propios traballadores e traballadores da sanidade, tal e como hoxe llo transmitiron, como polos propios usuarios da sanidade.

O portavoz nacionalista explicou que hoxe en día, na atención sanitaria, o que se está facendo é “reducir persoal, contratacións por días que fan que a asistencia sexa tan precaria como as propias condicións do persoal sanitario. E o propio Hospital do Salnés estase degradando ata chegar a parecerse máis a un ambulatorio, reducindo camas, reducindo a atención para doenzas especializadas e reducindo persoal”.

Vence fixo fincapé en que non pode ser que unha poboación de máis de 100.000 persoas desta comarca teñan que desprazarse aos hospitais de Pontevedra, Santiago ou Vigo para ser atendidos por moitas doenzas, debido a que no hospital do Salnés se están eliminando múltiples especialidades médicas.

VENCE CANDIDATOS SALNES2Alcaldes cómplices

Vence acusou aos alcaldes do PP de ser cómplices a nivel local desta política de recortes aplicada pola Xunta. Por iso, “dende BNG-Asembleas Abertas consideramos que isto non se pode permitir , é necesario defender a calidade da prestación sanitaria nesta comarca e esta zona debe contar cunha ambulancia medicalizada xa. É inexplicable que unha comarca de 100.000 persoas non teña nin unha soa ambulancia medicalizada, algo que mesmo pon en risco a vida das persoas de toda esta zona”, recalcou.

Fronte a esta política de recortes e parálise, o portavoz nacionalista dixo que é imprescindible un cambio de política a partir do 24 de maio, “un cambio de prioridades a favor da xente, dos servizos públicos e do benestar da xente, incluída a saúde. Todo isto tamén está en xogo o 24 de maio. Non debe haber distintas varas de medir segundo as eleccións que teñamos, senón que o 24 de maio temos a primeira oportunidade de parar o deterioro do benestar social e desmantelamento dos servizos públicos”.

Sanidade de calidade

O portavoz nacionalista mantivo este encontro con traballadores sanitarios xunto a candidatos e candidatas de BNG-Asembleas Abertas na comarca do Salnés. En concreto estiveron a candidata en Vilagarcía de Arousa, María Villaronga; en Meis, Pilar Xiráldez; en Cambados, Vítor Caamaño; en Catoira, Xoán Castaño; e en Sanxenxo, David Otero. Ademais desta reunión, tamén tiveron hoxe outra previa con membros da Fundación Galega contra o Narcotráfico, e así mesmo están mantendo outras xuntanzas con outros colectivos do eido sanitario estes días para coñecer de primeira man as súas problemáticas, e ao mesmo tempo, explicarlles as propostas de BNG- Asembleas Abertas.

A candidata nacionalista en Vilagarcía manifestou que “a loita por unha sanidade de calidade é un dos piares fundamentais para o BNG. Nós non queremos un hospital do Salnés coma un ambulatorio, nós non vamos permitir que desaparezan especialidades básicas no noso hospital de referencia, nós vamos seguir demandando unha ambulancia medicalizada para o Salnés e vamos seguir na loita sempre por unha atención sociosanitaria de primeira para os nosos veciños e veciñas”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG