Vence: “Hai que sumar para que Galiza teña unha representación potente no Congreso"

O BNG aposta por unha candidatura galega con forzas políticas que defendan os intereses estratéxicos de Galiza en Madrid cun grupo parlamentar propio

Xavier Vence

O portavoz nacional do BNG reiterou hoxe que é necesario sumar forzas para que Galiza conte en Madrid cunha representación “potente” a través dun grupo parlamentario propio.

A preguntas dos xornalistas, tras a comparecencia para valorar a reunión do sector lácteo coa ministra Tejerina, o portavoz nacionalista afirmou que “hai que sumar todas as forzas, mesmo aquelas que non son nacionalistas, para acadar un grupo galego propio e soberano en Madrid” co fin de traballar sobre estratexias e propostas elaboradas dende Galiza. Un grupo parlamentario entregado á defensa dos intereses galegos no Congreso dos deputados nunha lexislatura que será moi importante tendo en conta o deseño d un novo modelo territorial do Estado.

“Galiza debe estar representada cunha voz potente para ser recoñecida en pé de igualdade como Cataluña ou Euskadi”. Nós , dixo, estamos traballando con diferentes forzas políticas que comparten o obxectivo dunha “candidatura galega” e agardamos que tamén ANOVA e PODEMOS se sumen a esta iniciativa.

 Banquete de Conxo

Ante a convocatoria cidadán a todas as forzas políticas, o BNG, dixo Vence, lanzará a idea “dunha grande candidatura galega” e confiamos que todos poñan os intereses de Galiza por diante dos intereses de partido polo que desexamos que tanto ANOVA como PODEMOS e E.U asistan ao Banquete de Conxo e poder confluír nesa candidatura.

O que non aceptaremos, recalcou , é que algúns pretendan establecer dende Madrid as regras de xogo, “ nós non nos someteremos a arrogancia e prepotencia de ningunha forza política estatal”.

Xavier Vence

Vence lembrou o traballo realizado polas dúas deputadas do BNG, Olaia Fernández Davila e Rosana Pérez das que dixo, posibilitaron que os problemas de Galiza sexan escoitados “con voz propia” no Congreso dos deputados, tanto nas sesións plenarias como nas comisións. Moita xente, afirmou, valora ese papel e quere unha representación de moitos máis e por iso estamos “por sumar” nunha grande candidatura galega.

Por outra parte, abondou, o BNG renunciou as siglas para presentarse ás eleccións xerais e favorecer a conformación desa grande candidatura galega de unidade e trataremos que nela estean todos, nacionalistas ou non, pero sempre baixo o estatus de país e defendendo os nosos sectores produtivos.Temos que ir a Madrid a defender as nosas competencias e recursos e para conseguir maiores conquistas. “Non excluímos a ninguén” pero non aceptaremos ningunha candidatura supeditada a formar un grupo estatal, a única condición é acadar un grupo galego propio”.

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG