Vence: "O futuro do BNG escríbeo a militancia que decidirá o alcance e o ritmo da refundación"

Xavier Vence, portavoz nacional do BNG en rolda de prensa

O relatorio político aprobado polo Consello Nacional, xunto cos votos particulares, serán debatidos ata o 15 de febreiro nas asembleas comarcais por toda a militancia, e será esta a que determine como debe o BNG encarar o seu futuro nun momento que o portavoz nacional, Xavier Vence, definiu como “especialmente delicado” para o proxecto nacionalista.

Xavier Vence, portavoz nacional do BNG en rolda de prensa

“É a militancia quen vai decidir co seu voto o futuro do proxecto nacionalista que encarna o BNG, a militancia integrada por cada persoa individual ten todo o poder e toda a responsabilidade para introducir os cambios para que o BNG sexa unha forza determinante na vida política do noso país, en particular desde as eleccións galegas”, indicou Vence. “Será a militancia quen decida o alcance, a profundidade e o ritmo desa refundación”, subliñou.

Neste sentido, fixo un chamamento á participación activa a todos e a todas para marcar “a orientación” que consideren máis oportuna para o futuro do Bloque, porque “todas as voces contan”. “O futuro do BNG escríbeo os militantes e as militantes o día 28 de febreiro co seu voto persoal, individual e intransferible. Será o que determine que consideran máis acaido para o futuro dun proxecto que é imprescindible para este país”, explicou.

Vence deixou claro que, máis aló das diferencias, existe un fío condutor común: o convencemento de que Galiza precisa un proxecto nacionalista. “Ten que ser o BNG quen tome as decisión valentes para que este país teña un proxecto nacionalista con aspiración de ser forza determinante para reorientar as políticas económicas e sociais e para facer do autogoberno unha ferramenta clave”, argumentou.

Cuestións fundamentais

Vence enumerou as catro cuestións fundamentais que resolverá a militancia: Reforma organizativa para dirimir se se mantén a estrutura de fronte, renovación e posta ao día do discurso do BNG, calendario da refundación, - “é dicir se debe facerse ao longo dun ano ou concluír o proceso antes do verán tendo en conta as eleccións autonómicas”- e, por último, a fórmula de concorrencia electoral, explicou.Catro asuntos recollidos no relatorio político aprobado polo Consello Nacional e nos votos particulares.

Xavier Vence, portavoz nacional do BNG en rolda de prensa

Calendario

A XV asemblea nacional celebrase baixo o lema Autoorganización, autogoberno e autodeterminación. Calquera militante pode presentar emendas ao documento oficial e votos particulares, que chegarán ao Consello Nacional se superan o 50% de apoios nalgunha comarca.

Militantes e simpatizantes teñen tamén ata o 15 de febreiro para inscribirse, -requisito previo de cara a participar na asemblea nacional-. O día 20 será a última reunión do Consello Nacional antes do conclave no Palexco para facer balance e integración de todas as propostas que veñan das comarcas, que quedarán recollidas nun documento definitivo a debater na cita do 28 de febreiro.

A recepción de candidaturas a todos os órganos de dirección péchase o 22 de febreiro, e o 12 de marzo será a sesión constitutiva do novo Consello Nacional. Toda esta información está dispoñible na web da organización.

“Todos e todas temos a convicción de que Galiza precisa un proxecto nacionalista e que este proxecto nacionalista precisa cambios. As diferencias están na profundidade e nos tempos deses cambios, sobre os que a militancia ten a última palabra”, indicou Vence quen, a preguntas dos medios, desbotou calquera posibilidade de repetir o sucedido na asemblea celebrada en Amio.

“Amio foi unha catástrofe, o peor que lle puido pasar ao nacionalismo nos últimos anos”, indicou Vence, quen amosou o seu convencemento de que “haberá debate pero sobre a base de que o proxecto nacionalista temos que construílo entre todos e todas”. O portavoz nacional asegurou que da asemblea nacional “ten que saír un BNG máis forte, con ideas máis claras, con vontade de recuperar espazo, presenza política e electoral, e con vontade de ser maioritario na sociedade”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG