Vence a Feijóo: "Deixe de dividir e reúnase cun sector leiteiro que leva dous meses de tractoradas"

Concentración de tractores en defensa do sector leiteiro

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, confesou o “pasmo” que lle produce que tras dous meses de mobilizacións e tractoradas o presidente da Xunta aínda non se reunise cun sector leiteiro ao “límite” e, por contra, manteña a súa actitude de “desprezo” cos gandeiros e gandeiras, engadindo agora a estratexia “de xogar a dividir” aos produtores de leite.

Tractorada do sector leiteiro en Santiago

Neste sentido, Vence empraza ao presidente do PPdG a manter unha reunión inmediata co sector.

“Queremos ver a Feijóo reunido co sector para darlle solucións. Non facelo sería un desprezo cando o rural está que arde e os ánimos moi quentes”, advertiu o dirixente nacionalista, quen contrapuxo a actitude do xefe do Executivo galego e do propio Mariano Rajoy ca do presidente francés quen, ademais de reunirse cos produtores galos, puxo en marcha unha axuda de 600 millóns de euros para garantir uns prezos mínimos moi superiores aos que perciben os gandeiros e gandeiras en Galiza.

Vence subliñou o apoio do Bloque a todas as mobilizacións, estes días tanto en Lugo como en Santiago de Compostela, e criticou que Feijóo opte por buscar a división do sector no canto de aportar solucións, “unha trampa na que non van caer”, asegurou. “Que amose un mínimo respecto co sector, que se reúna cos produtores e que adquira con eles un compromiso solemne para aportar solucións”, demandou.

Medidas inmediatas

Como medidas para abordar a crise que ten contra as cordas a 9.500 explotacións galegas, o BNG reclama de xeito inmediato a intervención pública no mercado do leite para evitar o abuso das industrias e das cadeas de distribución e, igualmente, a intervención pública para fixar un prezo mínimo de compra por parte das industrias que este por riba dos custes de produción, “posto que hai explotacións obrigadas a vender a prezos ata un 30% por baixo de custes”, explicou Vence.

O BNG apoia as mobilizacións do sector leiteiro por todo o país

Ademais, o Bloque propón crear a Mesa Interprofesional Galega e que, desde a Administración, se garanta mediante inspección oficial o cumprimento dos contratos e dos acordos entre as partes. Igualmente, favorecer a creación dun grupo lácteo galego de base cooperativa que aposte por produtos de valor engadido que xeran máis emprego e mellor nivel de rendas.

Vence fixo un chamamento social a apoiar as demandas dos gandeiros e gandeiras porque está en xogo o futuro do rural, e criticou o “desleixo” de Feijóo, que no fixo nada en sete anos de mandato por preparar ao sector para o escenario de liberalización da produción que se abría coa supresión do sistema de cotas

Concentración de tractores en defensa do sector leiteiro

“Se hoxe Galiza está peor que outras parte do Estado e de Europa e pola falta de políticas desde a Xunta que preparasen ao sector para o novo escenario da PAC, non houbo por parte de Feijóo iniciativas para crear un grupo leiteiro galego, puxo paus nas rodas para constituír organizacións de produtores fortes esenciais para a negociación colectiva de prezos, e agochou a orella diante da lei da cadea alimentaria que pon todo o poder nas distribuidoras para fixar os prezos do leite”, sintetizou Vence.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG