Vence culpa aos recortes de Feijóo da degradación da calidade do ensino público

O BNG denuncia que o inicio de curso permite constatar as “consecuencias nefastas” das políticas de recortes do PP na educación pública, ca redución de profesorado, de recursos e das posibilidades de acceso a comedores e libros gratuítos aos fillos e fillas das familias máis modestas.

Concentración en defensa do Ensino Público

“A educación é o ben máis valioso para unha sociedade e non podemos permitir a súa degradación por mor dos continuos recortes do PP”, subliñou o portavoz nacional, Xavier Vence, na concentración de protesta convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público ante a sede da Xunta. “Hai que reverter esta situación de recortes na educación pública, mentres aumentan os recursos para a privada e concertada”, instou o dirixente nacionalista.

Desde a chegada de Feijóo á Presidencia, o ensino público perdeu 680 millóns de euros, hai 3.000 docentes menos, pecháronse 327 unidades de primaria e secundaria e incrementouse a precariedade do profesorado, obrigado a dar materias alleas a súa especialidade e dun xeito itinerante por diferentes centros educativos.

Xunto cos recortes, o BNG denuncia tamén a política lingüística da Xunta que deixa en mínimos o uso do galego no ensino de primaria e secundaria, aínda máis “ínfima” na educación infantil. “Hai que prestixiar e garantir a presenza do galego no ensino, que está moi lonxe do 50%” explicou Vence, quen puxo como exemplo a súa propia experiencia persoal.

“O meu fillo está na ESO e, deixando aparte as materias estritamente lingüísticas, ten catro libros en español por un en galego. Esa non é a proporción que garante que o noso idioma teñan un uso normal por parte do alumnado”, alega.

Para o BNG, e educación figura entre as prioridades dun país e, polo tanto, aposta por aumentar recursos orzamentarios, garantir efectivos docentes e unha presenza “digna” do galego en todos os niveis do ensino.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG