A UE ten que mudar a política de "muros de arame" por unha de acollida digna ás persoas refuxiadas

Ana Miranda e Nestor Rego

O BNG exixe da Unión Europea un cambio radical e urxente nas políticas de blindaxe por outras de acollida digna para as persoas refuxiadas que chaman ás portas de Europa por miles, nunha crise humanitaria sen precedentes desde a II Guerra Mundial, consecuencia das políticas intervencionistas e de espolio auspiciadas por EEUU e a propia UE.

Rego e Miranda

“É o mínimo tras ter provocado este desastre”, salientou o secretario de Iniciativas Políticas, Nestor Rego, tras denunciar a cínica resposta dunha Unión Europea que, “máis aló dos lamentos de rigor, levanta novos muros”, como ven de facer Hungría ao pechar con rolos de arame 175 quilómetros da súa fronteira con Serbia.

Ante este drama humanitario, o Bloque ven de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias na Cámara galega, no Congreso e no Europarlamento dirixida á Comisión e ao Consello dos Estados membros, nas que se insta ás autoridades comunitarias a elaborar un “programa de rescate de vidas”, -similar ao que no seu momento foi a operación Mare Nostrum hoxe suspendido-, articular corredores humanitarios para refuxiados, aplicar o estatuto de refuxiado europeo, e a aceptación por parte dos Estados de cotas de acollida de refuxiados “equilibrados e equitativos”, evitando a guerra de cifras.

Medidas que contrastan coa política dunha UE que a portavoz en Bruxelas e secretaria de Política Internacional, Ana Miranda, cualificou de “vergoña”. “Ante o drama dos refuxiados e refuxiadas vemos unha Europa insolidaria, cínica, inhumana, que da vergoña”, denunciou, tras lembrar que en 2014 a cifra de persoas refuxiadas foi de 340.000, o que supoño un incremento do 1.500%.

Ademais, o Bloque pediu tamén a comparecencia urxente dos ministros de Interior e de Exteriores no Congreso, para que expliquen a posición do Goberno español nesta crise, máis preocupado polo reparto de cotas que por dar solucións a un drama humanitario. “Falamos de persoas, non de números”, subliñou Miranda. Tamén na Cámara galega, o BNG presentou unha iniciativa para instar á Xunta a elaborar un plan de acollida de refuxiados.

Igualmente, a formación nacionalista propuxo en réxime de autoconvocatoria a realización dunha concentración o vindeiro luns en Santiago de Compostela ás 20.00 horas na Praza do Toural. “En Galiza non queremos ficar indiferentes ante este drama e convidamos ao conxunto de forzas políticas e sociais solidarias a que se unan a esta mobilización para expresar a nosa solidariedade coas vítimas e a exixencia de mudanza das políticas”, concluíu Nestor Rego.

Ana Miranda e Nestor Rego

Amais de atender a urxencia da crise dos refuxiados, o Bloque considera que hai que ir ás causas que provocan este éxodo de miles de persoas, polo que demanda cambiar as políticas de intervención militar, -que pasa pola retirada das forza militares estranxeiras en Siria, Oriente próximo e norte de África-, para substituílas por políticas reais de resolución pacífica dos conflitos e de respecto á soberanía dos pobos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG