O BNG valora a corrección parcial que supón a sentenza do Tribunal Supremo sobre o Prestige pero critica que o texto do alto tribunal confirme a impunidade dos responsables políticos cuxas decisións converteron o accidente do petroleiro na maior catástrofe medio ambiental da costa galega.
A sentenza abre ás portas ao resarcimento de danos para as persoas e empresas ás que o goberno de Aznar obrigara de xeito inconstitucional a elixir entre defender xudicialmente os seus dereitos ou cobrar as indemnizacións anticipadas, explica o portavoz nacional, Xavier Vence, pero deixa o camiño libre para os responsables políticos.
O BNG non pode estar satisfeito, salienta Vence, porque se obvian as responsabilidades penais das autoridades políticas do PP, malia que a sentenza da Audiencia Provincial de 2013 recoñece a confusa xestión da crise e o incumprimento dos mandatos legais en materia de emerxencias e salvamento marítimo.
O Bloque lamenta que se tardaran 13 anos en recoñecer o dereito a acceder a compensacións económicas polos danos causados, aínda que se advirte que queda enfrontar un longo período de reclamación internacional contra a aseguradora.
Neste sentido, o BNG manifesta a súa preocupación porque o resarcimento dos danos públicos e privados vaia depender de decisións de instancias arbitrais internacionais, habitualmente pouco sensíbeis ante aos intereses públicos, explica Vence, quen considera necesario reformar o código marítimo internacional actual que está ao servizo dos intereses das mafias opacas que mandan no tráfico marítimo.
Recoñecemento avogados Nunca Máis
A sentenza do Tribunal Supremo pecha o longo camiño xudicial iniciado e sostido en grande medida pola mobilización social e a tenacidade en exixir unha investigación completa por parte da Plataforma Nunca Máis e da súa equipa de avogados.
O BNG quere agradecer publicamente o intenso, desinteresado e tenaz labor levado a cabo polo equipo xurídico de Nunca Máis, singularmente polos avogados Pedro Trepat, Alejandro Martín e Miguel Angel Fernández. Tamén quere lembrar a actividade parlamentar do BNG nos parlamentos galego, estatal e europeo que contribuíu a denunciar e mellorar a seguridade marítima cos paquetes normativos aprobados polo Parlamento europeo.
Por contra, o Bloque denuncia o desleixo do PP que fai que a día de hoxe Galiza segue sen medidas de prevención e seguridade fronte a accidentes como o ocasionado polo Prestige, non hai portos de abrigo nin as medidas e instalacións apropiadas para facer fronte a ese tipo de catástrofes.