Soria négase á tarifa eléctrica galega e culpa a Alcoa de non ter feito os deberes na subasta

IMG_7532A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, dirixiuse esta mañá no Pleno ao Ministro de Industrial para demandarlle decisións urxentes para salvar os postos de traballo de Alcoa e Megasa, pediulle a retirada do sistema de interrumpibilidade e unha tarifa eléctrica propia para Galiza.

Na súa resposta, o Ministro de Industria fixo unha encendida defensa do sistema de interrumpibilidade e acusou á Alcoa de non ter feito ben os deberes para a subasta. En todo momento eludiu as responsabilidades ministeriais polos efectos perversos dun sistema de subastas, e culpou á Alcoa: “A empresa decidiu un despido colectivo e o atribúe ao resultado da subasta, e esa atribución é unha estratexia deliberada da empresa”.

Tildouna de “pouco activa” e deixou todo en máns da segunda puxa. Máis, o Ministro evitou facer ningún pronunciamento ou adoptar algunha medida para defender os centos de postos de traballo en cuestión como pedía a deputada do BNG.

Retire o sistema de interrumpibilidade

Rosana Pérez criticou a política enerxética do Goberno e puxo de manifesto que o “último exemplo da súa desastrosa política enerxética é a situación xerada en relación aos grandes consumidores. En Galiza, Señor Soria, falamos de Alcoa A Coruña e Megasa Narón, e tamén de Ferroatlántica ou de SGL Carbón, nas que se xogan estes días miles de postos de traballo directos ou indirectos”. Salientou os efectos perversos do sistema de interrumpibilidade que “é un suma e sigue no inmenso dano que causaron os seus innumerábeis decretos”.

A deputada do BNG díxolle ao Ministro que “a electricidade é fundamental para a industrialización dun pais, para a súa competitividade e para o mantemento dos postos de traballo”. E o novo sistema de interrumpibilidade “pón en serio risco todo iso”. Censurou o sistema baseado en puxas que “é unha especie de ruleta rusa e fai imposíbel unha planificación” e criticou a falla duns prezos de referencia. En segundo termo, ao ser unha subasta a cegas, provocará que “empresas do mesmo sector produtivo teñan prezos diferentes de electricidade”.

Puxo enriba da mesa o caso de Alcoa-A Coruña e Alcoa Avilés e Mesgasa Narón, que anunciaron despidos colectivos. Lembrou que estamos a falar de centos de postos de traballo. Lembrou que a primeira subasta deixou fóra a estas factorías. “A consecuencia máis imediata é o aumento do custe de produción do aluminio, que se estima nun 20% por tonelada”.

Preguntou cal vai ser a data da segunda subasta porque queda moi pouco para fin de ano. Recriminou a Soria o sistema de puxa anual porque “non favorece o asentamento e continuidade de empresas. Demandámoslle a súa retirada e temporalmente a volta ao sistema anterior, estabelecendo un prezo por consumo”. Máis, deixou claro que a medio prazo precísase unha reformulación de todo o sistema eléctrico que siga os seguintes criterios:

Un despropósito que en Galiza pechen industrias “cando somos exportadores de enerxía”. Tarifa eléctrica propia para GZ

Suprimir da tarifa eléctrica todas aquelas retribucións ou peaxes que deberían estar soportados nos Orzamentos do Estado. Debe cambiar o sistema de pago ás empresas de xeración por un modelo de retribución de custes segundo a tecnoloxía empregada, e debe admitir tarifas máis baixas para as CC.AA produtoras como Galiza.

Rosana Pérez puxo de manifesto que “sería un despropósito que industrias radicadas na Galiza tivesen que pechar ou se visen afectadas negativamente polos altos prezos da electricidade cando somos exportadores de enerxía”. A pesar dos importantes custes sociais e medioambientais Galiza nunca obtivo beneficio algún. Criticou a existencia dunha tarifa única que prexudica ao noso territorio, “sen ter en conta a nosa aportación de enerxía”. Demandou unha tarifa eléctrica propia para Galiza por estas razóns. “Galiza é productora de enerxía, algo que si se recoñece en diversos estados europeos onde existen tarifas diferenciadas por territorios”.

Neste sentido, sinalou que tamén no estado español hai diferenzas como nos territorios insulares, Canarias e Baleares, onde se contemplan incentivos á enerxía eólica e fotovoltaica mentras suprimiron as primas ás renovábeis en Galiza, que “supuxo a paralización de todo o sector eólico”.

Outra discriminación que salientou é a que recolle o cambio de definición das redes de alta tensión para que teña acollida unha parte moi significativa da rede de distribución vasca. “Esta decisión vai permitir a partir de 2015 uns prezos máis baixos ás empresas do Pais Vasco e lles vai supór unha rebaixa que se estima nun 15%”, algo que “non criticamos pero que quixeramos para outros territorios”.

Adopte medidas urxentes porque “están en xogo miles de postos de traballo”

Interrogou a Soria sobre estas incoherencias baseadas na defensa dunha tarifa eléctrica única cando “legalmente contemplaron outras posibilidades”.

Rosana Pérez pediu decisión urxentes que resolvan a situación de Alcoa e Megasa. “Están en xogo miles de postos de traballo, non se pode agardar. Neste momento a prioridade é salvar aos traballadores”. Acusou ao Ministro de Industria de eludir as súas responsabilidades e cargar toda a responsabilidade ás empresas: “Vostede é o Ministro do estado. Isto é o Parlamento do estado e non a sede da patronal, asuma a súa responsabilidade”.

A deputada do BNG criticou a reforma da Lei do Sector Eléctrico feita hai un ano porque “como advertimos, non resolveu o problema” e defendeu que se considere a enerxía eléctrica como un servizo público, como “un ben básico para a calidade de vida das persoas e para o desenvolvemento económico”, en lugar de que estea ao servizo dos beneficios dos oligopolios elétricos. Lembrou que o estado español ten unhas das tarifas eléctricas máis caras da UE, o que “afecta á competitividade das nosas empresas”.

Reprochou a Soria que a “súa errática política enerxética non reducise o xigantesco défice tarifario nin diminuiu o recibo da luz”. Ao revés, incrementouse a probeza enerxética, espetoulle. “Máis de 4 millóns de persoas non poden pagar a factura da luz”.

Réplica de Rosana Pérez e do Ministro de Industria

Perante a resposta “tendenciosa do Ministro”, Rosana Pérez deixou claro que “o BNG non veu aquí a defender ningunha empresa porque de feito mencionamos a varias. Non terxiverse as nosas palabras”. E sinalou que “é verdade que as empresas defenden os seus intereses pero nós temos o deber de defender os postos de traballo”. E “se ten constancia de que hai empresas que non foron activas na primeira subasta, pregúntolle: que medidas vai adoptar para que se garantan os traballos?”.

Na contra réplica, Soria rexeito de plano a constitución dunha tarifa eléctrica propia para Galiza a pesar de ser excedentaria e non receber compensación pola explotación dos seus recursos. Argumentou que “atenta contra os principios de convivencia, contras os principios de solidariedade e non apoiaremos tarifas diferenciadas”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG