Rotundo rexeitamente do BNG da Lei Mordaza que pretende un estado policial e de excepción

IMG_7537A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, subiu á tribuna a deixar claro a rotunda e total oposición do BNG á coñecida como “Lei Mordaza”, en alusión á lei de de seguridade cidadá, que se debatía no pleno da Cámara.

Rosana Pérez acusou ao Goberno de facer unha lei “chea de restricións, limitacións e prohibicións para o libre exercicio das liberdades cidadás fundamentais”. A deputada do BNG afirmo que “esta lei non é necesaria, non só porque o estado español estea entre os países da UE coa taxa máis baixa de delincuencia senón tamén porque existe un baixísimo nivel de incidentes nas numerosas movilizacións na rúa”.

Unha norma que quer silenciar e amordazar á xente

Acusou ao Goberno de se rexor “por principios antidemocráticos ao institucionalizar a represión e recurtar aínda máis as xa mermadas liberdades da cidadanía co propósito de disuadila e atemorizala”. Puxo de manifesto que “é unha norma que nos leva a un estado policial onde o obxectivo é silenciar e amordazar toda crítica, protesta ou movilización social”.

Non aforrou críticas ao rodillo do PP que no trámite desta lei tan cuestionada non foi quen de aceitar ningunha das emendas presentadas polo BNG. Así, o Goberno mantén a desmesurada listaxe de accións que se cualifican como infracións e as elevadas contías das sancións. Rosana Pérez explicou que manteñen a substitución da infración penal pola administrativa, “e polo tanto, a posibilidade de actuar de xeito imediato e contundente á marxe de garantías xurisdicionais, actuando con total discrecionalidade”.

Criticou asemade que se manteñan intactas moitas función que se lle otorguen ás forzas e corpos de seguridade do estado, que “xa actúan en moitos casos desproporcionadamente”. Defendeu Rosana Pérez a reformar a lei de 1992, a “da patada na porta”, pero na dirección contraria porque esta supón “unha involución intolerábel dos dereitos fundamentais e nos leva a momentos históricos de permanente vixianza e control”.

A deputada do BNG relacionou o incremento das movilizacións sociais ás políticas do PP que “converteron a este estado no campión da desigualdade e do aumento da probeza”. Advertiu ao Goberno que as protestas sociais irán en aumento na medida na que “vostedes continúen gobernando contra a maioría”. Censurou ao Executivo por querer instaurar “un estado de excepción”.

E advertiu de que “por moito que intenten criminalizar as movilizacións, ou tratar de impedilas, non poderán impedir que a cidadanía se manifeste libremente nas urnas”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG