Rosana Pérez pide a Margallo proteción para a Flotilla a Gaza

ESCADAS4FOTO ESCADASAs deputadas do BNG no Congreso, Rosana Pérez, e Olaia Fernández Davila, participaron hoxe na concentración realizada nas escadas do Congreso en apoio á III Flotilla da Liberdade Rumbo a Gaza, onde estiveron parlamentares doutras formacións políticas e representantes da organización Rumbo a Gaza.

Os barcos que compoñen a Flotilla atópanse en augas de Grecia actualmente, e continúan rumbo cara Gaza. Nun dos barcos viaxa a voceira do BNG en Bruxelas e Vicepresidenta de ALE, Ana Miranda, unha das catro mulleres do estado que van nesta misión de defensa dos dereitos humanos.

Na concentración, demandouse ao Ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel García Margallo, proteción para os barcos civís, especialmente cando Netanyahu acaba de ameazar con asaltar violentamente á Flotilla.

Rosana Pérez entrevistouse con Margallo esta mañá

A preocupación levou á deputada do BNG, Rosana Pérez, a facer unha xestión directa co Ministro Margallo con quen mantivo unha conversa esta mañá no escano da Cámara. A parlamentar do BNG entregoulle en mán a carta asinada por distintos deputados e deputadas, entre elas do BNG, e pediulle a realización de xestións ante as autoridades israelís a fin de preservar a integridade das persoas embarcadas nesta misión de carácter humanitario.

Rosana Pérez informou ao Ministro da situación da Flotilla e advertiulle da importanza de evitar a toda costa que Israel adopte a política agresiva e violenta que empregou en anteriores campañas. Demandoulle proteción e que active a vía diplomática para impedir un ataque da armada de Israel en augas internacionais contra barcos civís que teñen por obxectivo chegar á Franxa de Gaza e axudar á castigada poboación palestina.

Neste encontro co Ministro, Margallo, que recoñeceu a súa falla de coñecemento sobre o tema, garantizou a Rosana Pérez que “se ía ocupar xa hoxe mesmo deste tema”, amosando así o seu dispór a adoptar un papel activo no proceso. Aínda que o titular de Exteriores asegurou á deputada do BNG que “non tiña indicios de que puideran ocorrer incidentes”, Rosana Pérez lembroulle as agresivas manifestacións de Netanyahu hai dous días.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG