Rosana Pérez pide a Fomento unha investigación das causas do naufraxio do "Paquito 2"

ROSANA ENTRANDOA deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa dirixida ao Ministerio de Fomento para saber se se abriu unha investigación destinada a determinar as causas do naufraxio do bateeiro “Paquito Nº 2” na zona de Corrubedo.

A deputada do BNG alude ao último accidente marítimo que se levou por diante outro barco pesqueiro o pasado 16 de decembro. Lembra a secuencia dos feitos desde que desapareceu o bateeiro, a aparición do cadáver do patrón, o dispositivo de busca dos outros dous mariñeiros desaparecidos e as estranas circunstancias do naufraxio.

“Sospéitase que foi un golpe de mar. Había mar de fondo e o barco ía cargado con mexilón o que podería ter influido en que a súa liña de flotación estivese máis baixa que cando se navega sen carga. Durante todos estes días se buscou aos dous desaparecidos por terra, mar e ar pero sen resultado”, sinala Rosana Pérez.

Fomento debe adoptar medidas

Rosana Pérez lamenta a situación porque o paso do tempo está a afectar a familiares e achegados dos dous mariñeiros. Sinala a deputada do BNG que o barco foi inspeccionado por submarinistas da Garda Civil e o Grupo Especial de Actividades Subacuáticas pero infructuosamente. Precisamente onte “mesmo se fixeron novas inmersións e non atoparon nada”.

A deputada do BNG quer saber se xa se vai descartar totalmente a posibilidade de poder realizar máis inmersións. “Vaise continuar co dispositivo de busca? De ser así, até cando? Que medios se van empregar?”.

En canto ao sinistro, pregunta se “é verdade que non se activou ningunha alerta do “Paquito Nº 2”. Non houbo ningún aviso de socorro?”. A deputada do BNG amosa a preocupación por tanto sinistro marítimo: “Como é posíbel que no último ano e medio se teñan producido tantos accidentes con barcos pesqueiros? “Que esta a fallar? Non considera Fomento que este constante suma e sigue de accidentes marítimos de pesqueiros debería provocar algunha reacción no Ministerio como un maior control?”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG