Rosana Pérez pide a comparecencia de Soria para que retire o Decreto "do imposto ao sol"

eva10S4003A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou a comparecencia urxente do Ministros de Industria, José Manuel Soria, para que explique as razóns de ter aprobado a final de lexislatura o Real Decreto que regula o autoconsumo eléctrico, unha norma moi perxudicial.

Lembra Rosana Pérez que o BNG presentou alegacións ao proxecto de Real Decreto, que se sumaron a outras 38.000 rexistradas. “O rexeitamento ao Decreto é maioritario e provén de todos os ámbitos, agás das empresas eléctricas, as únicas que están satisfeitas porque se penalizan as enerxías renovábeis e a produción enerxética propia”.

A norma máis retrógrada da UE

A deputada do BNG censura unha norma que “está definida como a máis retrógrada da UE por castigar duramente ao sector das enerxías alternativas, penaliza o autoconsumo e a produción eléctrica con destino ao autoconsumo”. Por iso, pide a retirada do Real Decreto.

Salienta o feito de que uns 55.000 fogares producen enerxía através de placas solares fotovoltaicas. “Un tipo de produción enerxética que tamén se instalou en explotacións gandeiras, pequenas e medianas empresas, ou incluso en moitos concellos”.

A parlamentar nacionalista considera este Decreto “tan lesivo que require de explicacións en sede parlamentar por parte de Soria. Un Ministro que pasará á historia pola súa obsesiva cruzada contra as enerxías renovábeis posto que adicou a lexislatura a perseguilas e a aminoralas, e a facer un traballo especial de servizo e pleitesía ás grandes empresas eléctricas”.

Rosana Pérez afirma que nun estado que “ten a factura da luz más alta da UE, con dous millóns de persoas na probeza enerxética e que ten unha enorme dependencia enerxética, resulta un despropósito castigar o autoconsumo eléctrico”.

Sen esquecer que é unha norma que invade competencias autonómicas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG