Rosana Pérez pide a Ana Pastor que aclare se o Alvia sinistrado excedia en 32 toneladas o peso

BNGimg_0134bA deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou esta semana e antes da disolución das Cortes, unha pregunta dirixida ao Ministerio de Fomento demandando que aclare cal era o peso exacto do Alvia 04155 traxicamente sinistrado en Angrois o 24 de xullo de 2013.

Rosana Pérez, que desde o sinistro levou numerosas iniciativas parlamentares ao Congreso sobre a materia, entre elas a petición de Comisión de Investigación, quixo pechar a lexislatura cunha última pregunta a Fomento dada a relevancia dos dados que se van coñecendo sobre o Alvia accidentado.

“A medida que vai pasando o tempo, e a pesar das manobras obstaculizadoras do Ministerio de Fomento, vanse coñecendo dados moi reveladores sobre a traxedia do Alvia. Dado que sempre conducen ao mesmo calexón: houbo fallos e carencias de seguranza que convertiron o accidente nunha das maiores catástrofes da historia do ferrocarril do estado, e na primeira da alta velocidade”, afirma a parlamentar.

Rosana Pérez faise eco da última novidade recollida no documental “Frankestein 04155”, que sinala que o modelo de Alvia que descarrilou na curva de Angrois, provocando 80 mortes e 144 feridos, pesaba 32 toneladas máis do que permite Renfe, segundo as súas propias normas. O manual de conducción do Alvia accidentado indicaba un sobrepeso de 32 toneladas sobre o tope fixado pola operadora ferroviaria.

Hai moitos aspeitos que aclarar aínda na traxedia do Alvia

O BNG seguirá a reclamar unha Comisión de Investigación

Un problema, puntualiza Rosana Pérez, que “se une á ausencia do dispositivo de seguranza máis avanzado: o ERTMS. Así como a demostración evidente da precaria sinalización existente antes da curva, carencias que ficaron demostradas cando o propio Ministerio, imediatamente após do sinistro, adotou medidas de reforzo da seguridade na curva maldita”.

Critica Rosana Pérez que desde a cúpula do Ministerio, tanto desde a actual como desde a anterior, e desde os primeiros instantes do sinistro, “fixéronse todos os esforzos posíbeis por responsabilizar única e exclusivamente ao maquinista do tren e centralo só no fallo humano. Probabelmente porque se temían as demandas de responsabilidades políticas por ter posto en marcha un híbrido sen contar coa debida seguridade. Ao fin e ao cabo, non deixaba de ser un experimento de alta velocidade”.

Para a deputada do BNG a medida que pasa o tempo “parecen máis claras as reponsabilidades políticas e máis necesaria a Comisión de Investigación, pola que continuará a loitar o BNG na vindeira lexislatura”. Como se dixo desde o inicio, lembra Rosana Pérez, o accidente debeuse a unha cadea de factores, e “cada vez temos máis clara a cadea de factores”.

“Cal era o peso exacto do Alvia sinistrado? É verdade que excedía do peso homologado? Á luz dos feitos obxectivos como a falla de operatividade do ERTMS, a deficiente sinalización e o posíbel exceso de peso, Pode seguer a soster o Ministerio que o sinistro ten un único responsábel: o maquinista? Como se pode soster cos dados que coñecemos?”, son algunhas das preguntas que formula á Ministra de Fomento.

A deputada nacionalista remata aludindo ás familias e vítimas de Angrois, que “non poden acreditar na versión oficial por moito que a amparen resolucións xudiciais. Hai dados que non poden obviarse aínda que desde a oficialidade se teñan minimizado”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG