Rosana Pérez exixe a Ana Pastor que solucione as deficiencias na seguridade do Eixo Atlántico

eva10S4004A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara para pedirlle explicacións a Fomento polas deficiencias na seguridade no Eixo Atlántico.

A deputada do BNG dirixe unha batería de preguntas a Fomento debido ás advertencias que o departamento de Seguridade de Renfe lle trasladou ao colectivo de maquinistas por detectar 11 “puntos singulares” no Eixo Atlántico entre Santiago e Vigo. Moitos destes puntos adoecen de sinais pouco visíbeis ou pola falla de sinais.

Rosana Pérez amosa o seu estupor porque despois do acontecido coa traxeida de Angrois se pida aos maquinistas que repasen os documentos para comprobar e “resaltar os cumprimento das velocidades” e marcar “referencias para iniciar freados ou reducións na velocidade do tren”.

“Se hai puntos singulares que os solucionen”

A parlamentar nacionalista alude aos 11 puntos singulares marcados por Renfe sinalando que “é a evidencia de que estamos perante unha serie de deficiencias en relación á seguridade no Eixo Atlántico que ao noso modo de ver, terían que terse subsanado en lugar de transferir toda a responsabilidade a un colectivo de traballadores”. Rosana Pérez denuncia que estamos a falar de problemas de sinalización, de carencias de sinais ou de problemas polo perfil do tendido.

E ironiza sobre as “presas por inaugurar servizos ferroviarios que levan ao Ministerio de Fomento a obviar a necesidade de dispór do sistema de seguridade máis avanzado, que é o ERTMS”. Critica que “nada se aprendera do terríbel sinistro do Alvia en Angrois. O Ministerio tropeza de novo na mesma pedra e ten a coraxe, após do acontecido, de traspasar a responsabilidade sobre a seguridade aos maquinistas”.

“Aceitou Renfe estes riscos?”

Rosana Pérez reprocha que o Ministerio asegure que non existen riscos para a seguridade cando debemos “pór de relieve que a lexislación indica con clareza que os riscos do ADIF que exporte ao Operador Ferroviario (Renfe), sin minimizar o seu nivel de risco, debe ser aceitado ou non aceitado por este último. Á luz dos feitos, deducimos que Renfe está asumindo e aceitando os riscos. Sendo así, debería informar aos usuarios”.

A deputada do BNG exixe a Fomento que solucione as deficiencias na sinalización no Eixo Atlántico. “É posíbel que se poña máns á obra? Como se explica que se detecten deficiencias e carencias na sinalización e non se resolvan? Como se explica que se confíe todo ao factor humano?”.

Ademáis, a parlamentar nacionalista pregunta ao Ministerio cal é a avaliación de riscos de fallo humano en cada un deses puntos singulares. É un risco aceitado e asumido por Renfe? Está recollido por escrito? De ser así, Quen o aceitou?”. Reprocha a Fomento que lle poidan as presas: “Non está o Ministerio deixándose levar polas presas por inaugurar servizos ferroviarios en tempos eleitorais? Non se deberían extremar as precaucións no tema de seguridade dado o acontecido co accidente de Angrois?”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG