Rosana Pérez defende a sanidade pública universal no acto promovido pola ONG Médicos do Mundo

ACTO SANIDADE 001A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, participou este mediodía no acto organizado pola ONG, Médicos do Mundo, na defensa da sanidade pública universal que se celebrou no Círculo de Belas Artes de Madrid.

A deputada nacionalista interviu neste acto en representación do BNG, unha das formacións políticas asinantes da Declaración Institucional pola Universalidade do Dereito á Saúde promovida por Médicos do Mundo, e que contou coa participación de todas as organizacións políticas asinantes así como multitude de plataformas, asociacións e organizacións relacionadas co ámbito da sanidade e outros eidos sociais.

Na súa intervención, Rosana Pérez foi especialmente crítica co Real Decreto Lei 16/2012 aprobado polo Goberno do PP nesta lexislatura e que conlevou a perda de dereitos sanitarios e excluiu do acceso universal á sanidade pública a moitas persoas. Neste sentido, Rosana Pérez tivo palabras de recoñecemento para os profesionais da sanidade pública “que están a facer obxeción de conciencia con este Real Decreto e continúan atendendo por igual a todo o mundo nos servizos de saúde”.

Asemade agradeceu o importante labor que están a realizar asociacións e organizacións sanitarias galegas en moitos concellos.

Subliñou a deputada do BNG que “o BNG, desde sempre, reivindicou unha sanidade pública, gratuita e universal e así consta nos nosos sucesivos programas eleitorais”. Recriminou ao PP que se adicase a pór en marcha o seu corpus ideolóxico tamén neste piar do Estado de Benestar que é a sanidade: “O PP con ese Decreto inseriu o seu modelo ideolóxico consistente nunha sanidade para ricos e unha para os probes baseada na beneficencia”.

Deixou clara a sintonía do BNG co Manifesto hoxe presentado que demanda a retirada do lesivo Real Decreto do Goberno de Rajoy e un compromiso en defensa da sanidade pública de calidade.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG