Rosana Pérez critica as presas de Ana Pastor por privatizar o tren e advirte que prexudica a GZ

IMG_7532A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, subiu esta mañá á tribuna a defender a emenda á totalidade do BNG á lei do sector ferroviario que previamente foi presentada pola Ministra de Fomento, Ana Pastor.

Rosana Pérez criticou as presas da Ministra por liberalizar un sector estratéxico cando outros países europeos como Franza e Alemaña se “resisten á liberalización e a cumprir a Directiva europea” que o Goberno español se axilizou a cumprir de maneira adiantada.

Un agasallo para as empresas privadas

Acusou á Ministra de empregar o discurso da “falla de rendabilidade de servizos ferroviarios para malvendelo e cuase agasallarllo ás empresas privadas que só perseguen lucrarse co que pagamos todos”. Deixou claro que a principal crítica do BNG á lei é a privatización, un modelo que o BNG rexeita por completo e do que “a Ministra é fan incondicional”, pero que aínda ten que demostrar os seus beneficios.

Puxo en cuestión un modelo privatizador que incluso cuestiona a Comisión Científico Técnica nun informe no que dí que os servizos se van empiorar. Neste sentido, aludiu ao fracaso que supuxo a privatización do ferrocarril en países como Inglaterra. E tamén no estado español “temos casos que se poden ver na privatización de Correos, do sector eléctrico, aéreo, que supuxo o encarecemento dos servizos e o empioramento da súa calidade”.

Tamén exemplificouno na liberalización do transporte ferroviario de mercadorías: “que non conlevou que se saise do vagón de cola no que se estaba”.

Non aprenderon de Angrois

“En Franza e en Alemaña cun potente ferrocarril, segue a ser un servizo completamente público”, enfatizou. Advertiu á Ministra que os operadores privados só buscan o lucro e “non o interese da comunidade. Non terán miramentos en pechar liñas e abandoar tráficos ferroviarios”. Tamén criticou que desde o inicio da liberalización, hai anos, só “se investiron grandes cantidades no AVE pero debilitaron enormemente o ferrocarril convencional”. Unha situación que “prexudica especialmente a Galiza” porque non sirve para a cohesión territorial.

Sinalou que “o BNG non comparte a priorización absoluta do AVE mentras se abandona o tren convencional”. Así, subliñou que en Galiza a rede ferroviaria “subordinouse ás conexións coa Meseta. A consecuencia disto foi que moitas localidades intermedias quedaron sen servizos e Ferrol foi excluida do Eixo Atlántico”. Rosana Pérez defendeu que o tren debe “ser público” e criticou que se eliminaran no estado 45.000 servizos ferroviarios, que 172 estacións quedaron sen parada, e en 165 só hai unha parada diaria. Acusou á Ministra de “buscar só a rendabilidade económica e non o benestar dos usuarios”.

Outros flancos obxecto de crítica salientados pola deputada do BNG é a visión centralista da lei. “Entregan a operadores privados o que se negan a traspasar ás CC.AA”. En canto á seguridade ferroviaria, “é unha contradición que haxa grandes investimentos e logo sexan tan cicateiros en materia de seguranza ferroviaria”. “Vostede mesma dixo após do accidente de Angrois, que arrebatou a vida de 80 persoas, que habería un antes e un despois. O sinistro de Angrois puxo de manifesto graves deficiencias en seguranza, pero inauguraron o Eixo Atlántico sin o ERTMS”.

Finalmente, criticou a composición da Axencia de Seguridade “composta por cargos de diferentes Ministerios como o de Fomento. Unha composición que non garante a seguranza e a credibilidade dun órgao que debería ser independente”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG