Rosana Pérez a Ana Mato: "A vostede a probeza, a exclusión social e a desigualdade dálles igual"

PLENO 3A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, interviu no pleno de hoxe para defender o paquete de emendas do BNG aos Orzamentos Xerais do Estado 2015 en materia social, após de escoitar a intervención da Ministra, Ana Mato.

Recriminou ao Goberno a cicatería que practica en eidos de grande importanza social como a sanidade, a educación e os servizos sociais. Cargou Rosana Pérez contra os recurtes do Ministerio de Sanidade e salientou que “en tres anos, recortaron practicamente o 50% do que había ao inicio da lexislatura”. Reprochou a Ana Mato que se continúe “polo sendeiro de deteriorar a calidade da sanidade pública” mediante leis lesivas para as maiorías sociais, para os inmigrantes, para doentes crónicos, pensionistas ou para os traballadores da sanidade pública, e mediante normas que abriron a porta á privatización da sanidade.

“Declaren a derogación da Lei de Dependencia porque de facto é asi”

A deputada do BNG prestou especial atención á lei de Dependencia, practicamente desmantelada polo PP, e formulou á Ministra unha pregunta: “Por que non derogan definitivamente a Lei de Dependencia porque de facto é o que están a facer?”. Acusou ao Goberno de abandoar a lei e ás CC.AA e concellos que non poden facer fronte “á crecente demanda de atención social neste eido”. Lembrou que son as CC.AA e os concellos os que atenden estas materias. Acusou ao Goberno de desmantelar o estado das autonomías e recentralizar competencias, “sen deixarlles marxe de actuación”.

Denunciou que o Plan Concertado, o que permitía aos concellos atender as necesidades máis básicas, sufriu un recurte do 64% nos últimos tres anos, e mencionou asemade o Plan de Inclusión Social, o de Acción para as Persoas con Discapacidade, o da Infancia e Adolescencia. Criticou a indiferenza do Goberno en relación aos informes de ONG´s sobre probeza e exclusión social, “dálles igual”.

No que atinxe á materia de Igualdade, Rosana Pérez empregouse con dureza contra os retallamentos practicados en materia de violencia de xénero. “Reduciron en máis dun 22% o orzamento desde que gobernan”. Neste sentido, defendeu as emendas do BNG adicadas a mellorar as partidas para programas de atención e prevención que se deben desenvolver desde os concellos.

Cultura: aumentar o orzamento para a RAG

No capítulo de cultura, a parlamentar do BNG fixo fincapé na necesidade de fomentar o galego. Así explicou a proposta do BNG de aumentar a partida destinada á Real Academia Galega en 726.000 euros, así como a necesidade de transferir créditos ás CC.AA para o impulso do audiovisual galego.

Educación: incrementar en 100 millóns a partida para bolsas

En educación, a deputada do BNG criticou o recurte do 25% realizado nos últimos tres anos. Recriminou a Wert que a pesar das necesidades socias, a partida para bolsas se manteña case igual ao 2014. O BNG pide un aumento de 100 millóns de euros como mecanismo para erradicar as desigualdades. Denunciou a práctica desaparición das axudas de libros de texto. “Escandalosa é a dotación de só 5,5 millóns para o programa de educación compensatoria que no 2012 contaba con máis de 169 millóns”.

Propuxo aumentar as partidas para educación infantil e primaria, para a formación do profesorado e para garantir a gratuidade no ensino obrigatorio.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG