Rosana Pérez acusa a Ana Pastor de facer só "política de anuncios"

eva10S4003A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, subiu á tribuna do Congreso para criticar as partidas de Fomento destinadas a Galiza e pór de manifesto as deficiencias e os incumprimentos. Comezou a súa intervención expresando as condolencia do BNG á familia do traballador falecido nas obras do AVE en Laza, e demandando á Ministra de Fomento que se intensifique a vixianza nas obras públicas, porque “non é a primeira vez que pasa”.

Unha vez que a Ministra de Fomento fixo a súa exposición, Rosana Pérez afirmou que “o défice de infraestruturas en Galiza é tan vello como as promesas dos distintos Ministros”. Nese sentido, criticou a estratexia de Fomento consistente en que “os galegos e as galegas vivamos no anuncio permanente, e co discurso de que “Galiza é a grande beneficiaria dos esforzos inversores do Ministerio”.

Máis, subliñou, “a realidade é ben distinta”. Así, sinalou que do total de investimentos adicado a Galiza en 2016, un 1,7% menos que en 2015, máis de 833 millóns adícanse integramente a obras da alta velocidade, e case a totalidade desa contía, uns 770 milóns, van destinados ao tramo Lubián-Ourense. Sen esquecer que “os dados de 2012, 2013 e 2014 demostran que se deixa sen executar anualmente entre o 30 e o 40% do orzamentado”. Razón pola que acusou a Ana Pastor de “transformar os orzamentos nun xigantesco artificio contábel”.

“Alardear de prazos cando hai tramos de AVE parados”

Criticou á Ministra por “alardear de números mentras varios tramos do acceso do AVE a Galiza continúan paralizados desde hai oitos meses como os de Sanabria-A Gudiña. Como pensan cumprir o prazo de 2018 nestas condicións? Rebaixando as condicións das obras previstas inicialmente? Actuando como fixeron coa recente inauguración do Eixo Atlántico A Coruña-Vigo, que foi posto en marcha sin o ERTMS, a pesar do tráxico accidente de Angrois?”. Estas foron as preguntas claras que a deputada do BNG formulou a Ana Pastor no pleno.

No seu turno de defensa das emendas do BNG ao capítulo de Fomento dos Orzamentos 2016, Rosana Pérez explicou a proposta do BNG para seguranza ferroviaria cifradas en 30 millóns de euros. Así como 8 millóns para un plan de supresión de pasos a nivel na Galiza, onde aínda se manteñen máis de cen.

Denunciou as deficiencias nos tramos ferroviarios interiores que seguen acumulando “gravísimos défices”. Lembrou que o Eixo Atlántico quedouse só en A Coruña-Vigo, excluindo a Ferrol, “no que constitúe a crónica dun despropósito anunciado e que supón o illamento de Ferrol”. O BNG non renuncia a este tema e propón 10 millóns para incluir a Ferrol no Eixo.

Outras ausencias sinaladas pola deputada do BNG é a que atinxe ás cercanías: desaparece a cantidade que lle adicaron estes anos. O BNG “non desiste e pide 25 millóns para instaurar os servizos de proximidades”. Outras asignaturas pendentes son as conexións ferroviarias cos portos de Ferrol, A Coruña e principalmente Vigo que nin se menciona.

Estradas: N-550, A-8, N-VI

No que atinxe ás infraestruturas viarias, Rosana Pérez salientou a necesidade urxente de remodelar a N-550, “a única alternativa á prohibitiva AP-9”. Razón pola que o BNG propón partidas para mellorala. En relación á A-54, Santiago-Lugo, “a este ritmo non entrará en funcionamento antes do 2020, con máis de dez anos de retraso”.

A A-8 que Rosana Pérez bautizou como “desgrazadamente famosa”, polos seus continuos peches como os deste verán, “é a estrela dos anuncios incumpridos”. Criticou que Fomento só destine 200.000 euros, e que non arranxará os problemas desta autovía. Algo que contrastou coa proposta do BNG de adicar 2 millóns a este tema. Asemade, demandou unha partida de 500.000 euros para a mellora da N-634.

Para a N-VI, o BNG demandou 2 millóns para a mellora da súa seguridade vial.

A deputada do BNG aproveitou tamén para facer unha referencia ao dique norte de Alcoa. “Cuxa liberalización para usos comerciais concita o acordo de todos os grupos da zona, e nós propomos 500.000 euros para este cometido”.

Industria: máis partidas para o sector naval

A deputada do BNG salientou asemade o feixe de emendas destinadas ao eido industrial. Con especial mención ao sector naval público. Rosana Pérez salientou que destinen “54 millóns á segunda anualidade de construción do BAM, que ten un período de execución de 5 anos e que só existe nos papeis”. Criticou a ausencia de partidas para a F-110 e o feito de que o PP “xa deixou caer o dique flotante”. Nese sentido, destacou a partida de 30 millóns proposta polo BNG. 150 millóns para dotar dun Fondo específico ao sector naval, e 30 millóns para un programa de apoio á industria auxiliar.

Rematou apelando á necesidade dunha política de investimentos no eido naval, “que vostedes non levaron a cabo”. En calquera caso, expresou o desexo de que nas vindeiras elecións de decembro, os cidadáns de Ferrolterra, “a falla de traballo, teñan boa memoria”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG