A deputada do BNG Olalla Rodil vén de presentar no Parlamento de Galiza unha serie de iniciativas nas que urxe ao Goberno do PP a reformar a Lei de Inclusión, do ano 2013, para adaptala á nova realidade socioeconómica do País e atender ás necesidades da poboación máis vulnerable, especialmente no tocante ás familias monoparentais, a mocidade ou a poboación migrante.
Segundo a memoria anual do Consello Económico e Social (CES) referida á situación socioeconómica de Galiza, a taxa de risco de pobreza e exclusión social descendeu no último ano até situarse no 18,4 %. Porén, advirte Rodil, non o fai en todas as franxas de idade, nacionalidade nin tipoloxía de fogares.
Así, a poboación entre 16 e 24 anos é a que rexistra unha maior incidencia, de maneira que o 25,6 % da poboación galega nesta franxa de idade está en risco de pobreza ou exclusión social. Entre os menores de 16 anos, a taxa é do 22,7 %; e para as persoas entre 50 a 64 anos acada o 22,7 %.
A voceira do BNG en Dereitos Sociais subliña ademais que o maior risco de pobreza, segundo a última memoria do CES, continúa producíndose nos fogares compostos por unha persoa adulta con crianzas a cargo (50,6 %) “aínda que se reduce por volta de catro puntos respecto do ano anterior”.
Atendendo ás tipoloxías dos fogares, salienta tamén a deputada do BNG, os fogares monoparentais son os que rexistran unha maior taxa, co 30,25 % dos mesmos en situación de pobreza ou exclusión social (un 35 % un ano antes), por diante dos fogares unipersoais e sen núcleo, con taxas do 28,3 e do 22,5 respectivamente.
“Malia estas cifras, o Goberno do PP continúa sen reformar a Lei de Inclusión Social de 2013 para adaptar a realidade normativa e socioeconómica actual”, critica Olalla Rodil, que urxe establecer novas ferramentas que permitan atender ás necesidades da poboación de hoxe, fundamentalmente das familias monoparentais, a mocidade e a poboación migrante.
Lembra, neste sentido, que o PP “prometeu e comprometeu por activa e por pasiva” a reforma da lei, que leva anos anunciando. “O PP non só incumpriu a súas promesas, senón que votou reiteradamente en contra das propostas impulsadas polo BNG”, lamentou.