O resgate é un saqueo ao pobo, que pagará a factura con menos dereitos sociais e económicos

Francisco Jorquera lamenta o intento do goberno de enganar aos cidadáns e a ausencia de Rajoy, “corrixida cunha comparecencia que chega tarde, mal e arrastro".

O candidato do BNG á presidencia da Xunta denunciou esta mañá en Ferrol que o resgate á banca é un auténtico “saqueo” ao pobo, que vai traer consigo máis recortes de dereitos económicos e sociais.

Jorquera, en declaracións aos medios antes de participar na manifestación en defensa do sector naval, advertiu de que o goberno está tentando enganar á xente sobre as consecuencias do resgate, “cando é o conxunto da sociedade a que vai ter que pagar a factura dese préstamo multimillonario á banca”.

De Guindos pretende facernos crer nos Mundos de Yupi mentres Rajoy comparece tarde, mal e arrastro

Neste sentido, o candidato nacionalista agoirou que as consecuencias do resgate van ser, entre outras, a suba do IVE, o endurecemento do sistema de pensións e un recorte aínda maior das condicións laborais dos traballadores, “iso é que significa para o pobo o resgate”.

Mundos de Yupi e ausencia de Rajoy

Para Jorquera, non é de recibo que neste contexto o ministro De Guindos tente, pola súa parte, vender os “mundos de Yupi” e facer crer que o resgate vai traer a “Alicia no País das maravillas” e Rajoy estivera onte totalmente ausente, anunciando que acudiría a Polonia ao partido da Eurocopa.

“Agora comparece, pero tarde, mal e arrastro, condicionado polos acontecementos, pola indignación social que provocou a súa ausencia e non ter dado a cara ante a situación”.

Comisión de investigacion

O candidato do BNG reiterou que cómpre que Rajoy compareza de inmediato no Congreso e que se constitúa xa unha comisión de investigación sobre as prácticas do sector financieiro para depurar responsabilidades “por un escándalo que imos ter que pagar todos os cidadáns”.

Sector naval

Por outra parte, xustificou a súa presenza na manifestación en defensa do sector naval convencido de que se trata dun sector vital para Galiza e para a comarca de Ferrolterra.

Neste sentido, asegurou que o futuro da comarca pasa por solucións políticas, é dicir, que o goberno central deixe de pór pretextos e levante xa o veto que pesa sobre os asteleiros públicos da ría e os dote dun dique flotante.

“O goberno central está a negar á ría de Ferrol -engadiu- un investimento de 41 millóns de euros mentres aplaude que con cartos de todos e todas se pague a factura do rescate multimillonario ao sistema financieiro”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG