O resgate pedido por Rajoy agravará a crise e significa a perda total de soberanía do Estado

O resgate solicitado este sábado polo Goberno Rajoy á Unión Europea vai significar a perda total de soberanía do Estado español sobre a política económica, fiscal e bancaria e agravará a crise como xa aconteceu en Grecia, Portugal e Irlanda, afirma nunha avaliación de urxencia o candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera.

O resgate é un fracaso político en toda regra do Goberno español, estima Jorquera. “Todas as estratexias de Rajoy foron erradas e fallidas. Non serviron para nada. O Estado español perde o control sobre o sistema financeiro”, valora o líder nacionalista, para quen o normal sería que se depurasen as correspondentes responsabilidades políticas.

“Rajoy debería cesar a Guindos pola súa probada incompetencia. Rajoy debería comparecer de urxencia no Congreso dos Deputados. E Rajoy debería levantar o bloqueo sobre a comisión de investigación”, entende Jorquera.

“Estamos nunha situación de estrema gravidade. É un atentado contra a Democracia sen precedentes ter un goberno que vai levar adiante políticas non votadas polo corpo eleitoral, senón impostas desde instancias políticas externas e non eleitas por ninguén”, afirma Jorquera.

O candidato do BNG á presidencia da Xunta sospeita que o resgate vaia traer como consecuencia o desaparecimento de Galiza no sistema financeiro estatal

Tamén hai consecuencias, e seguramente gravísimas para Galiza. Jorquera sospeita que Europa vaia condicionar o resgate á unha nova rolda de fusións.

“É preciso que Feijóo asuma as súas responsabilidades e dea garantías de que Novagaliciabanco non vaia ser absorbida por Bankia”, afirma Jorquera, para quen “é muito probábel que o resgate vaia significar a desaparición de Galiza no mapa financeiro estatal”.

Sufrirán aínda máis as maiorías sociais

Jorquera demanda ao Goberno do Estado “claridade e transparencia”. “Temos que saber que contrapartidas exixe a UE polo resgate. Xa podemos supor cales van ser: novos recortes do gasto público e do gasto social, recortes que agravarán aínda máis a crise e farán que aínda máis a factura vaia recaer nas maiorías sociais”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG