O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, dirixiuse ao Ministro de Transportes, Óscar Puentes, para lembrar que “este Goberno debe cumprir coe Galiza” e se reflexen nos vindeiros Orzamentos os compromisos co noso país.
O titular de Transportes comparecía por solicitude do BNG. Rego dividiu a súa intervención en dúas partes, comezando pola materia centrada no ferrocarril galego e continuando logo polo capítulo destinado ás estradas.
Ferrocarril: implantar as cercanías, impulsar a saída sur de Vigo, terminar coas incidencias e retrasos, fomentar o Corredor Atlántico
Celebrou Néstor Rego que o Ministro fixese mención na súa comparecencia a moitas cuestións que están no Acordo de investidura co BNG como a implantación das “cercanías” que deben recibir nos vindeiros Orzamentos as dotacións precisas “para que sexan unha realidade nesta lexislatura”. A ausencia destes servizos ferroviarios básicos “é un exemplo de discriminación á Galiza”, afirmou, e lembrou que non hai no estado áreas de máis de medio millón de habitantes sen servizos de proximidade, aludindo á poboación das áreas de A Coruña e Vigo.
Exixiu ao Ministro “terminar dunha vez por todas coas continuas incidencias nos nosos servizos ferroviarios. Para que o tren sexa útil ten que ser fiábel”, espetou. Rego enumerou as avarías, retrasos, caídas de tensións como na estación da Coruña, ou “onte mesmo unha demora de máis de hora e media en Ourense” que se producen a diario no Eixo Atlántico, nos servizos de media distancia, na antiga Feve ou na liña Ferrol-A Coruña.
Capítulo especial mereceu a saída sur de Vigo, lembrando que no Acordo contemplamos o horizonte de 2030, o mesmo calendario que manexa o Goberno portugués que xa avanza no tramo Porto-Aveiro e ten previsto completalo até Valença nesa data. “Esta conexión entre Vigo-Porto é fundamental para o noso pais e para conectar Lisboa-Porto-Vigo-A Coruña”. Neste sentido, criticou a posición do PP capitaneada por Ayuso e seguida por Feixoo de primar só a conexión con Madrid.
En canto ao Corredor Atlántico, aludiu ás declaracións recentes do Ministro recoñecendo que “non avanza ao mesmo ritmo que o do Mediterráneo”, reclamándolle dedicación e dotacións económicas para o seu impulso. No que atinxe ao Plan Mercadorías 30, Rego reprochou ao Ministro que “Galiza siga fóra das autoestradas ferroviarias en base ao argumento de que non hai demanda empresarial cando é o Ministerio quen ten que xerar a oferta”.
Rego reclamou tamén ao Ministro recuperar os trens nocturnos que conectaban co País Vasco, con Portugal ou con Cataluña, “especialmente o tren-hotel que historicamente conectaba Monforte de Lemos con Barcelona” que realizaba unha función fundamental.
Estradas: terminar xa A-54, os descontos na AP-53 e reforma das estradas
Néstor Rego apelou ao Ministro a cumprir cos Acordos para que a A-54 Santiago-Lugo estea finalizada neste ano 2024. “Unha estrada que leva máis de 30 anos en execución. Non é normal que Lugo aínda non estea comunicada coa capital de Galiza”. Neste sentido, incidiu en acabar cos déficits que sofre Lugo en canto ás comunicacións.
Tamén dixo ao titular de Transportes que se poña a traballar para iniciar os descontos acordados para AP-53 e completar os descontos da AP-9 até 75%. “Teñen as tarifas máis altas do Estado”, subliñando que a AP-9 tiña que estar xa libre de portaxes: “O PP prorrogou 25 anos (de 2023 até 2048) o pagamento de portaxes. Unha inxustiza evidente”. Preguntou ao Ministro polo expediente aberto pola UE polas peaxes da AP-9: “Que alegacións fixo o Goberno?”, inquiriu, ao tempo que desexou que vaia adiante para acabar coas portaxes.
Canto aos viadutos do Castro na A-6, tamén obxecto dos Acordos co BNG, celebrou que se cumprise coa primeira parte de abrir a infraestrutura en dirección Madrid, “e agardo que neste ano se abra o paralelo en dirección á Coruña”. Destacou o capítulo referido á rehabilitación e reparación de estradas, “un ámbito moi importante porque a falta de investimentos en mantemento converteron en perigosas moitos viais”.
Finalizou, demandando que “o Goberno cumpra con Galiza e agardo que os vindeiros Orzamentos contemplen os compromisos co noso país”.