XVIII Asemblea Nacional

Ana Pontón: “Imos estar á altura de toda a cidadanía que mira para nós como a alternativa real ao PP”

Nova Executiva nacional do BNG
Nova Executiva nacional do BNG

Agradece á militancia a participación, compromiso e implicación na AN, da que sae un BNG fortalecido e preparado para disputar a Xunta en 2028

Primeira reunión da Executiva Nacional electa na XVIII AN que a portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou para explicar  que o BNG arranca este novo ciclo político sen perder un minuto e centrado no que considera relevante: os problemas dos galegos e das galegas e en como aportar solucións.

Tras ser reelixida,  trasladou o agradecemento da nova dirección á militancia pola súa participación, compromiso e implicación nunha organización da que destacou a democracia interna, ao tempo que tamén expresaba o seu agradecemento persoal polo apoio recibido para seguir liderando o BNG, a forza na que leva militando desde os dezaseis anos.

“É unha honra ter o apoio dos compañeiros e das compañeiras para seguir sendo a súa voz e a súa representación”, proclamou, responsabilidade que asume “con entusiasmo, ilusión e desde a convicción que o BNG é o mellor para este País, traballando sempre coa man tendida ao conxunto da cidadanía para poder construír entre todos e todas a mellor Galiza”.

Pontón subliñou que da cita asemblearia sae un Bloque “máis forte e preparado” para afrontar o reto de liderar a Presidencia da Xunta en 2028, un obxectivo que require un proceso de “acumulación” de forzas, no organizativo, no social e no electoral, tendo en conta citas coas urnas relevantes e previas como as municipais.

En todo caso, a líder nacionalista recalcou que o BNG “vai estar á altura da confianza de toda a cidadanía que ten a súa mirada e as súas esperanzas postas en nós como a única alternativa real ao PP, imos estar aí traballando todos os días para defender a sanidade pública, a educación pública,  o futuro da mocidade, o dereito a vivenda, para defender un País con maior capacidade de decisión, para conseguir unha Galiza mellor”.

Nesa dirección, a formación nacionalista seguirá dando pasos cara adiante, “coa man tendida para seguir ensanchando o BNG dirixíndonos a sectores amplos da nosa sociedade, aos traballadores e as traballadoras, ás persoas autónomas, ás PEMES, aos profesións liberais; en definitiva, a esa gran maioría que non se resigna a unha Galiza que vai a menos, unha maioría que non deixa de medrar e á que queremos representar”, explicou, e iso require o traballo “colectivo” de toda a organización.

As teses aprobadas pola militancia referendan tamén a estratexia de ensanchar a base social e electoral e, tras o debate das bases, agora toca “traballar todos e todas a unha para o gran obxectivo de que haxa un cambio político con tres anos por diante para conseguilo, tres anos nos que o Bloque seguirá sendo a voz das maiorías sociais”.

Unha asemblea na que a militancia deu un “amplo apoio” á liña política coa que o BNG logrou os mellores resultados da súa historia e unha asemblea da que a organización nacionalista sae “con máis robustez e cohesión”, froito tamén, explicou Pontón, da democracia e da pluralidade interna. “Agora saímos todos e todas a unha para darlle un futuro mellor aos galegos e as galegas”, concluíu.

A Executiva Nacional está integrada ademais de pola portavoz nacional, Ana Pontón, por Goretti Sanmartín, Olalla Rodil, Nestor Rego, Luís Bará, Carme da Silva, Lois Pérez Castrillo, Xavier Campos, Ana Miranda, Xosé Manuel Puga, Bieito Lobeira, Montse Prado, Eva Vilaverde, Xabier Pérez Igrexas, Olaia Ledo, Noa Presas, David Soto e Gustavo Barcía.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG