Rajoy nega a Galiza unha tarifa eléctrica propia a pesar de ser excedentaria en produción eléctrica

olaia24f5101A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, dirixíase ao Presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, para demandarlle unha tarifa eléctrica galega, algo que Rajoy rexeitou de plano afirmando que “a tarifa da luz ten que ser exactamente igual para todos os españois”.

No debate con Rajoy, Olaia Fernández Davil, puxo de manifesto que “o sector enerxético ten para Galiza un valor estratéxico polo que representa no seu Produto Interior Bruto e por ser relevante para a produción industrial”.

Explicou a Rajoy que ao longo dos anos Galiza foise especializando na xeración de electricidade. Primeiro a enerxía hidroeléctrica e os xacimentos de carbón, e logo a enerxía eólica e a biomasa, así como a construción das ciclos combinados de gas natural. Máis, puntualizou, a pesar de que esta explotación supuxo “considerábeis danos sociais e medioambientais, Galiza nunca foi compensada por isto”. Incluso sofre en amplas zonas unha deficiente calidade no subministro eléctrico.

As excepcións existen no estado e en Europa

Davila salientou que paises como Reino Unido, Alemaña ou Suiza teñen tarifas diferenciadas segundo os distintos territorios. E en canto ao estado español, lembroulle que o pacto co Goberno vasco vai permitir uns prezos máis baixos para a industria vasca “o que demostra que se existe vontade política, pódese modificar o réxime tarifario”.

A deputada do BNG demandou a Rajoy unha tarifa eléctrica máis baixa para favorecer o consumo doméstico dunha poboación coas pensións e os salarios máis baixos do estado. “Onde o 18% ten dificuldades para pagar a luz”. Ademáis, recalcou, isto permitiría posibilitar “o seu medre industrial e evitar a deslocalización de empresas intensivas en consumo eléctrico”. Nese sentido, mencionou os problemas de Alcoa ou Ferroatlántica.

Davila fixo valer a condición excedentaria en produción eléctrica de Galiza. Pediu “a bonificación dun 30% nas peaxes enerxéticas ás CC.AA que nos últimos catro anos exportasen de media máis do 25% da enerxía que producen. Isto suporía para Galiza unha rebaixa do 15% no prezo do recibo eléctrico”.

Solidariedade cos traballadores das sucontratas de TELEFONICA

A deputada do BNG exhibiu no escano un cartaz de solidariedade cos traballadores das contratas e subcontratas de Telefónica, en folga polas tremendas condicións de precariedade laboral que padecen.

A RESPOSTA DE RAJOY

Na súa resposta primeira a Davila, Rajoy obviou a importante cuestión de que o estado español ten o prezo da factura da luz das máis caras da UE, para sinalar que “continuaremos a traballar para abaratar o prezo da electricidade en Galiza e no resto de España”, nomeando a reforma eléctrica realizada. Falou de baixadas da luz no 2013 e 2014 que son irrisorias dados os altos custes da factura da luz.

O principal argumento do Presidente do Goberno español para negar que Galiza teña unha tarifa eléctrica propia baseouno no “principio de solidariedade entre todos os españois”. Rajoy afirmou que “podo compartir algúns das súas afirmacións pero non a conclusión”. E defendeu que “a tarifa da luz debe ser exactamente igual para todos os españois”. Atreveuse a afirmar que: “Figúrese que unha CC.AA di que ten que ter o investimento do que aporta ao PIB. De ser así, Galiza non podería ter tren de alta velocidade”.

Un argumento falso porque de sobra é coñecido o défice histórico de Galiza en materia de infraestruturas e a débeda histórica do estado en relación a este tema.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG