parlamento galego

PP vota en contra dunha iniciativa do BNG para reclamar máis frecuencias e prazas nos trens do Eixo Atlántico e entre A Coruña e Ourense

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará reclamou tamén melloras en media distancia porque “hai moitas vilas que sofren efecto túnel: pasa por elas o tren pero carecen de boa comunicación”

O deputado do BNG acusou ao PP de levar a cabo o “maior trenicidio da historia en Galiza” coa supresión de liñas, paradas e estacións ao longo de todo o País   

O PP votou en contra dunha iniciativa do BNG para reclamar ao Goberno central a ampliación de frecuencias e prazas nos trens do Eixo Atlántico e da liña entre A Coruña e Ourense, co obxectivo de dar cobertura á demanda de miles de usuarios que na actualidade sofren as consecuencias da masificación a horas punta ou carecen de liñas adaptadas aos horarios de traballo ou estudo.

O deputado Luís Bará, encargado de defender a iniciativa, recoñeceu avances pero advertiu de que en pleno século XXI segue habendo “moitas sombras” no servizo ferroviario do País. “Non é todo ouro o que reloce”, dixo en alusión aos “atrasos, incidencias, avarías, saturación e falta e prazas”, ao tempo que denunciou o “illamento ferroviario” de Lugo, a “desconexión” de Ferrol ou o feito de que Galiza continúe a ser unha das poucas comunidades do Estado sen tren de cercanías. “Incluso nas liñas que máis se modernizaron -agregou- existen moitas vilas que sofren do efecto túnel: pasa por elas o tren pero non teñen boas comunicacións”.

No caso concreto da liña A Coruña-Vigo, volveu demandar o incremento de servizos de tren a primeira hora da mañá, na franxa de mediodía e a última hora da noite. “Resulta incomprensíbel que o primeiro tren MD saia ás sete da mañá, e que o único que hai antes é un rexional ás 5.35 horas”, expuxo como exemplo de que na actualidade existe un desaxuste entre a demanda e as necesidades dos usuarios cos servizos prestados.  Uns servizos que, ademais, están masificados en hora punta. “Conseguir praza para algúns trens convértese nunha auténtica odisea”, denunciou.             

Similares problemas de horarios e frecuencias insuficientes sofren os usuarios da liña entre A Coruña e Ourense. “Como pode ser que o tren de Santiago á Ourense saia ás 20.15 horas?”, preguntouse Bará, que sobre esta liña destacou tamén que a escaseza de prazas, sobre todo xoves e venres, vese agravada pola limitación da oferta nos Avant e porque moitos dos servizos son compartidos coa liña Alvia.

A iniciativa presentada polo BNG incluía, por outra banda, demandar ao Goberno do Estado o mantemento durante o 2024 dos bonos gratuítos e os descontos no Avant. Noutro punto, solicitábase a creación dun departamento ou servizo de ferrocarril dentro do organigrama da dirección xeral de Mobilidade, cuestión esta que Bará estimou irrenunciable de cara á votación dunha iniciativa que o PP rexeitou ao completo.

Aínda que a proposta do BNG non o incluía explicitamente, Bará quixo deixar claro que o BNG, como contempla o Estatuto, quere que Galiza teña as competencias ferroviarias e unha entidade ferroviaria galega, “e máis pronto que tarde, cando gobernemos, teremos o GalTren”.  Lembrou, ademais, que tamén o PP pedía estas competencias e que a Xunta chegou a anunciar no 2010 o inicio dos trámites para crear unha entidade ferroviaria propia, “pero despois gobernou o PP no Estado e lles botaron abaixo a iniciativa, e vostedes achantaron e dixeron ‘si, Wana’”.

Ao longo da súa intervención, Bará acusou aos populares de levar a cabo o maior “trenicidio” da historia en Galiza coa supresión, cando gobernaban, de 104 trens á semana e 1.776 paradas ao longo de todo o País, e a eliminación de 40 estacións. “Vostedes foron historicamente os maiores inimigos do tren”, espetoulles aos deputados do PP dende a tribuna.

Bará lamentou que o PP dedicase boa parte da súa intervención a atacar á líder do BNG unha mostra do “nerviosismo” porque “a Rueda non lle dan as contas” e sabe que Ana Pontón é a líder máis coñecida e valorada pola cidadanía e “de aí as manobras a desesperada por dar a coñecer e intentar humanizar” ao presidente da Xunta.

  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG