A través dunha proposición non de lei, o deputado do BNG, Paulo Ríos reclamou medidas urxentes para “reforzar a atención sanitaria nos centros de saúde do concello de Marín” ante a falta de persoal e medios que están a afectar gravemente a atención sanitaria dos e das veciñas.
O parlamentario explicou que tras o remate do verán, o Centro de Saúde de Marín atópase nunha situación “límite” polas baixas e vacacións da metade do seu persoal médico. Ante esta circunstancia a solución aportada polo SERGAS é un “importante aumento da xornada laboral”, medida que para o deputado conduce a Atención Primaria e aos servizos de Urxencias “a un maior deterioro” da sanidade pública.
Para o nacionalista, este deterioro provoca como primeira consecuencia “o colapso” sanitario e obriga aos paciente a “acudir á sanidade privada”.
O SERGAS é coñecedor da situación á que sumou “a precariedade” no Centro de Saúde de Seixo “baixo mínimos” e inserido nun proceso de “desmantelamento”, a pesar dunha demanda sanitaria de máis de 20.000 persoas que se incrementan na época do verán.
O deputado popular, José Alberto Pazos Couñago respondeu ao nacionalista que a falta de facultativos nos centros sanitarios é una realidade porque non hai médicos e médicas suficientes oa que Ríos replicou que o PP non pode seguir xustificando o grave deterioro da sanidade pública na falta de persoal e como única solución, seguir aplicando “parches” e sobrecargas aos profesionais. Na súa opinión, o PP debe rectificar a súa política sanitaria para resolver un grave problema que precisa de “medidas estruturais” e se non hai médicos suficientes, dixo, o goberno “debe pedir axuda”, mesmo a nivel internacional.
Política de “parches” para desmantelar a Atención primaria
Ríos lamentou que o Partido popular rexeitara a iniciativa nacionalista e criticou que o PP continúe aceptando a falta de facultativos en varias especialidades e Atención Primaria como “una praga bíblica” que non se pode combater. O discurso do Partido popular tenta transmitir “que non hai nada que facer” pero a realice colide con este argumento xa que no último MIR “quedaron 33 prazas sen cubrir en Medicina de Familia” en toda Galiza.
“Xa non é momento de axustes” sobre todo, cando o SERGAS coñecía de antemán o número de persoas próximas á xubilación, as previsións sobre vacación e as prazas, pero dende o PP preferiron “ir deixando o tema durante os últimos anos”.
O BNG, afirmou, continuará defendendo os servizos públicos e lembrou que a “veciñanza de Marín leva todo o verán reclamando a incorporación dos médicos e médicas” e agora que comeza o curso, a resposta social terá continuidade porque os servizos esmorecen e a dotación de facultativos está ao 50%.
“Cando os parches se acaben, que medidas estruturais está poñendo ou vai poñer a Xunta enriba da mesa”? preguntou.