A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, expresou hoxe na Comisión de Peticións da Eurocámara a oposición do Bloque a que Altri, a macrocelulosa proxectada por Greenfiber en Palas de Rei, poida recibir fondos europeos. “Os fondos europeos teñen que servir para a protección da nosa terra e o saneamento das nosas rías, non para destruílas e faremos todo o posible para que Altri non os reciba”, destaca Miranda ao respecto.
Neste sentido o BNG critica que o goberno galego pretenda darlle 250 millóns de euros de cartos públicos a Altri. “Un proxecto como o de Altri non pode recibir fondos europeos, porque é un proxecto altamente contaminante que vulnera moitas directivas europeas que son de obrigado cumprimento, polo que faremos todo o posible para que non reciba fondos europeos”, denunciou Ana Miranda, ao tempo que defendeu que eses cartos son imprescindibles para recuperar o río Ulla, apoiar as pequenas e medianas empresas que están nese territorio, potenciar o emprego, recuperar a ría de Arousa e apoiar a xente do mar.
Precisamente en contra da instalación desta fábrica contaminante, -que tería un gran impacto ambiental sobre tres especies de flora en perigo de extinción e provocaría unha gran contaminación no río Ulla que chegaría á ría de Arousa-, a eurodeputada galega do Bloque convoca este mércores, 19 de marzo ás 13.30 horas, unha protesta na entrada do Parlamento Europeo de Bruxelas.
Ofensiva nas institucións europeas
A eurodeputada galega está desenvolvendo unha intensa ofensiva contra este proxecto nas institucións europeas. Así, xa presentou varias preguntas dirixidas á Comisión Europea e solicitou en reiteradas ocasións unha reunión á vicepresidenta para unha Transición Xusta, Teresa Ribera, para solicitarlle no obxectivo de coñeza de primeira man os argumentos contrarios á instalación de Altri en Galiza.
Esta ofensiva en Bruxelas comezou en abril de 2024 cun encontro celebrado na Comisión Europea entre unha delegación galega e representantes da CE, en concreto do Grupo Operativo do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e a Unidade de Cumprimento da Normativa Medioambiental. Ademais, Ana Miranda fai un chamamento a participar na mobilización contra Altri que terá lugar o vindeiro sábado, 22 de marzo, na Pobra do Caramiñal.
