Senado

BNG defende mellorar a seguranza viaria na N-640 ao seu paso polo concello de Cuntis

Carme da Silva en Cuntis
Carme da Silva en Cuntis

Da Silva anuncia o rexistro de iniciativas para coñecer as actuacións que ten previsto realizar o Ministerio de Transportes para eliminar os tramos perigosos e inseguros

“No BNG entendemos que é necesario realizar unha rehabilitación integral do firme e a implantación de medidas para o calmado do tráfico en zonas urbanas” di Carme

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) defende a necesidade de levar a cabo actuacións urxentes na N-640 ao seu paso polo concello de Cuntis co obxectivo de mellorar a seguranza viaria, tanto de peóns como vehículos, e reducir a perigosidade desta estrada. A senadora nacionalista, Carme da Silva, avanza o rexistro de iniciativas para coñecer as intencións do Ministerio de Transportes e en que consistirán as actuacións anunciadas recentemente.

A senadora nacionalista realizou unha visita ao termo municipal de Cuntis para coñecer de primeira man o estado desta infraestrutura e os problemas de seguranza viaria existentes. Acompañada por militantes e simpatizantes do BNG, así como da actual concelleira, Natalia Camiña, e o futuro portavoz municipal da organización nacionalista no Concello de Cuntis, Daniel Martín, Carme da Silva puido comprobar os tramos perigosos, por exemplo, no paso pola Escola Infantil no Porto de Gómez ou diante da piscina municipal.

“A N-640 é unha infraestrutura chave e estratéxica para as comarcas do Deza, Tabeirós-Terra de Montes e Caldas. Por esta estrada existe un tráfico intenso todos os días e existen tramos, tanto en núcleos urbanos como nos máis rurais, que precisan da atención e da actuación do Ministerio” sinala a senadora do BNG. Exemplo do estado de abandono, enumera Carme da Silva, son o cruzamento de Portela cara a Santiago, o cruzamento de San Ildefonso á Igrexa, Campo e Lornés, etc.

Ante esta situación, a senadora do BNG avanza o rexistro de iniciativas para coñecer as intencións e o compromiso do Goberno coa veciñanza de Cuntis e a mellora da seguranza viaria da zona. “Transportes terá que explicar en que consistirán as actuacións que se levarán a cabo nesta infraestrutura mais no BNG entendemos que é necesario realizar unha rehabilitación integral do firme e a implantación de medidas para o calmado do tráfico en zonas urbanas” subliña da Silva.

O obxectivo para o BNG, explica, é eliminar os puntos perigosos que presenta a N-640 ao seu paso por Cuntis, asegurando o respecto aos límites de velocidade, facilitar o cruzamento nas rúas asegurando a súa seguranza e mesmo a instalacións de semáforos, pasos de peóns e semirotondas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG