O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Mon Fernández Alfonzo, denunciou na Comisión 8.ª de Pesca e Marisqueo a inacción da Xunta do PP na rexeneración da ría de Ferrol, malia os acordos parlamentarios de 2020 e 2022. Segundo salientou Fernández Alfonzo, a Xunta continúa sen asumir as súas competencias en materia de marisqueo, deixando ao sector á súa sorte mentres prioriza outros proxectos como o da empresa ALTRI.
"O goberno galego abandona a ría de Ferrol e ás persoas que viven do marisqueo, mentres pon a alfombra vermella para ALTRI, unha empresa contaminante cun inmenso rexeitamento social", afirmou o deputado. Os datos evidencian a crise do sector: a produción marisqueira de 2024 equivale ao 35% da de hai unha década, e a extracción de ameixa babosa, produto emblemático da ría, caeu a un preocupante 4,5% respecto ao 2014.
Fernández Alfonzo advertiu que o número de traballadores no sector tamén caeu drasticamente, pasando de 500 persoas a menos de 100. "Estamos diante dos últimos coletazos dun sector milenario se a Xunta non actúa con urxencia", alertou. O BNG propón unha solución inmediata a curto prazo mediante un plan de encomenda de traballos acordado coas confrarías, que permitiría garantir ingresos ás mariscadoras e ao mesmo tempo recuperar os bancos marisqueiros.
"O sector marisqueiro recibe cero atención, cero preocupación e cero axudas, mentres a Xunta xestiona 250 millóns en subvencións para ALTRI", criticou. O BNG insiste na urxencia de poñer en marcha un plan integral de rexeneración da ría de Ferrol, con medidas concretas que garantan o futuro do sector marisqueiro e da comarca. A todas estas propostas o PP votou en contra.