O Bloque Nacionalista Galego anuncia o rexistro de iniciativas nas Cortes para que o Goberno do Estado, no concreto os Ministerios de Defensa e Transportes, permitan a conexión da vila co mar e abrir os principais puntos a cidadanía para uso público. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a portavoz municipal da organización, Lucía Santos, defenden a necesidade de que o executivo estatal se comprometa con Marín e ceda terreos da súa propiedade e garanta o seu uso público, así como facilite a conservación do patrimonio cultural mariñeiro.
Acompañados polo grupo municipal do BNG no Concello de Marín - Celia García, Tino Iglesias e Davinia Lojo- a portavoz municipal, Lucía Santos, e o deputado nacionalista, Néstor Rego, demandaron a necesidade de dotar a Marín de máis espazo público para uso da veciñanza da localidade.
“Tanto o Ministerio de Defensa como a Autoridade Portuaria -o Ministerio de Transportes- deben ter a disposición para facilitar a cesión destes espazos en beneficio da cidadanía” sinala o deputado do BNG no Congreso. Neste sentido, avanza o rexistro de iniciativas para que muden a súa disposición e garantan a cesión e dotación de máis espazos públicos á veciñanza da vila, en referencia á Escola Naval Militar e os terreos do Porto de Marín, e os ceda.
“Marín non pode vivir de costas ao mar, conectar a vila co litoral é esencial. Abrir o litoral a Marín é unha prioridade para o BNG e a dotación de novos espazos públicos para a veciñanza un dos nosos obxectivos” enfatiza a voceira do BNG no Concello de Marín. Lucía Santos, ademais, explica que moitos destes terreos e propiedades -as oficinas e almacéns do antigo peirao da Ribeira, os da Avenida de Ourense ou os do Paseo Marítimo Alcalde Blanco- actualmente están actualmente inutilizadas ou abandonas e, de cedelos, “o uso civil tería un efecto social e económico para a vila moi positivo”.
Posta en valor e conservación do patrimonio cultural mariñeiro
“O cemiterio de barcos, o Paseo Alcalde Blanco e o Museo do Mar: son puntos chave para a vila de Marín. A antiga dársena podería ser un museo ao aire libre onde recoller embarcacións antigas e recuperar a identidade mariñeira da localidade” exemplifica Santos durante a comparecencia. A portavoz municipal subliña que estes espazos tamén contribuirían de forma positiva a pór en valor e a conservar o patrimonio cultural mariñeiro “mesmo cunha obra simbólica que sirva de homenaxe ao esforzo de mulleres e homes das distintas profesións vencelladas ao mar”.