Parlamento Galego

BNG propón unha estratexia para que o 50% da compra pública alimentaria da Xunta no 2027 se faga con criterios sociais e ambientais, primando a produción local e sostible

Reunión grupo parlamentar
Reunión grupo parlamentar
A medida permitiría aumentar a produción de proximidade e mellorar a calidade da alimentación nos comedores dependentes da Administración

O BNG propón unha estratexia para que, no horizonte de 2027, cando menos o 50% da compra alimentaria nos comedores dependentes da Administración pública galega se faga con criterios sociais e ambientais e primando a produción local, de proximidade e sostible. Segundo esta proposta, os criterios de sustentabilidade, e non o prezo, serán o elemento na adxudicación de contratos.

Así o anunciou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, despois de reunirse con entidades do sector ás que presentou esta proposta que, enmarcada na declaración da produción de alimentos como actividade prioritaria en Galiza, ten tres obxectivos centrais. O primeiro é o de protexer e apoiar a produción alimentaria de orixe terrestre e mariño. O segundo, incrementar a superficie agraria total e en ecolóxico —incluíndo medidas para recuperar terras agrarias forestadas con eucalipto de maneira ilegal—. Por último, a proposta busca fomentar a produción de alimentos nos que o noso País é deficitario e ten un grande potencial, como as froitas, os aceites, os cereais, os legumes e as verduras.

“Trátase de mudar radicalmente a situación actual na que a Xunta, a diferencia doutras comunidades como Navarra, Cataluña ou Canarias, non está facendo absolutamente nada para aproveitar o potencial transformador do gasto público alimentario”, afirmou Pontón. Segundo explicou, baseándose nas estimacións realizadas para o conxunto do Estado, a compra de alimentos que fai a Xunta podería estar situada entre os 140 e os 220 millóns de euros, o que representaría entre  1 e o 1,5 % do gasto non financeiro dos orzamentos para o ano 2025.

“Estes recursos, ben empregados, poderían canalizarse para favorecer pequenas empresas, cooperativas e persoas autónomas, e contribuír e fortalecer o sector agroalimentario e o sector pesqueiro galego que —subliñou—necesita apoio nun momento como o actual”.

Pontón fixo referencia a iniciativas piloto que xa realizaron algunhas entidades no País onde se priman eses criterios de sustentabilidade (produto de proximidade, emprego de técnicas de produción sustentable, e redución da pegada de carbono) para constatar que a compra con eses criterios “é tan barata como a que se fai de maneira convencional, pero con moitos máis beneficios porque imos apoiar os nosos produtores locais, consumir produtos de maior calidade e deixar menos pegada de carbono” .

Ademais, subliñou os beneficios desta compra na alimentación dos nenos nas escolas, na rede de atención ás persoas maiores nos centros de día ou nas residencias. É, polo tanto, “unha estratexia que ten un enorme valor”, enfatizou.  .

O decálogo de propostas do goberno alternativo do BNG

A líder do BNG sinalou que esta medida ten un encaixe legal na normativa europea e estaría avalada tamén por estratexias como a “Da granxa á mesa”, os criterios de contratación pública ecolóxica da UE para alimentos, e a normativa de contratación pública —Lei 9/2017-— na que permite que as administracións públicas desenvolvan estratexias para fomentar actividade económica local.

As medidas do goberno alternativo do BNG pasan pola creación dunha mesa de traballo co sector, a aprobación dunha lei específica, acadar o obxectivo de que o 50 % da compra pública sexa con criterios sociais e ambientais, a elaboración dunha guía e unha instrución técnica de compra pública alimentaria sostible, ou a implantación dun programa formativo e de apoio para os axentes implicados.

Dentro do decálogo de medidas, o Bloque contempla así mesmo a investigación, a potenciación da dieta atlántica ou a constitución dunha plataforma público-privada agro-mar para a comercialización de produtos alimentarios galegos e que garanta ese subministro a comedores públicos.

O BNG defenderá estas medidas a través de dúas iniciativas no Parlamento: unha proposición de lei para introducir criterios ambientais e sociais na compra pública e unha proposición non de lei que lle dea corpo a esta estratexia.

“O goberno alternativo do BNG está traballando nunha estratexia de apoio á produción sustentable en sectores económicos claves para Galiza e imprescindibles pola súa capacidade de xerar emprego, de fixar poboación e de preservar o territorio e o medio ambiente”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG