A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil criticou o veto do Partido popular á “comparecencia urxente do, de momento, presidente da Xunta de Galiza”, solicitada polo BNG, para explicar as medidas do Goberno galego sobre garantir o mantemento dos postos de traballo e da actividade industrial na fábrica de aluminio de San Cibrao, na comarca da Mariña e lamentou que, unha vez máis, os traballadores e traballadoras carezan do apoio das administracións competentes para acadar unha solución a ameaza de peche.
Na reunión da Comisión Permanente, celebrada hoxe no Parlamento galego, Rodil afirmou que “ningún país pode estar pendente e permanentemente baixo a ameaza dunha empresa que leva xogando coas traballadoras e traballadores durante anos”. Por outra parte, asegurou que na actualidade no “existen garantías para continuar coa produción de aluminio primario en Galiza e urxiu aso gobernos da Xunta e central esixir a Alcoa que cumpra cos investimentos comprometidos na fábrica de San Cibrao e mantemento da actividade dun sector estratéxico como é a produción de aluminio”.
A xuízo da nacionalista, “Galiza non pode permitirse a destrución de postos de traballo e a perda de músculo industrial” e dende o BNG, recalcou, seguiremos defendendo unha solución integral e a largo prazo para Alcoa coa intervención das administración”.
Temos en San Cibrao a única fábrica de aluminio primario do Estado español e unha das poucas de Europa, explico.Unha fábrica propiedade da multinacional estadounidense Alcoa que leva anos ameazando co seu peche argumentando dificultades económicas e un custe excesivo do prezo da electricidade.
Despois de anos de ameazas en 2020 Alcoa presentou un ERE que supuña o despido de máis de 500 traballadores directos, case mil indirectos. “Un ERE paralizado por decisión xudicial habida conta da mala fe coa que actuou a empresa”.
Posteriormente, os traballadores e Alcoa asinan un acordo polo que se paraliza a actividade da planta de aluminio co compromiso de rearrancar a comezos de 2024, 32 cubas e desenvolver unha serie de investimentos fundamentalmente e a construción dun novo forno de ánodos co obxectivo de ter en outono de 2025 a fábrica en funcionando.
A semana pasada Alcoa anunciaba que non ía cumprir os compromisos e ameazaba –como tantas outras veces-- co peche. Hoxe comezarán os traballos de reinicio de 2 cubas e Alcoa e asegura que encenderá as 32 comprometidas de aquí a abril “pero tamén anuncia que non hai garantías de volver recuperar a actividade porque o encendido da cubas provocarán que os fondos se esgoten”.
O Goberno da Xunta non pode mirar para outro lado
Dende o BNG solicitamos que compareza a Xunta de Galiza porque é necesario que o Goberno galego dea explicacións do que vai facer para impedir que se destrúan postos de traballo nun sector estratéxico para Galiza. É urxente, salientou Rodil, “esixir á empresa o cumprimento das súas obrigas non só co rearranque das cubas senón cos investimentos, nomeadamente o forno de ánodos” porque do contrario non existe garantía de volver recuperar a produción.
Urxe unha intervención pública para salvar os postos de traballo e a actividade industrial
Para o BNG, dixo, a única solución real e integral é “a intervención pública impulsada conxuntamente pola Xunta e o Goberno español” porque de non ser así, a fábrica pode perder 534 postos de traballo directos, máis de mil sumando ás auxiliares, un ⅓ do PIB de toda a provincia de Lugo e a única produción de aluminio primario de todo o Estado.
“Galiza precisa máis músculo industrial e non perder o pouco que ten e para iso non hai que gañar tempo, nin buscar parches, senón solucións integrais e estruturais e aí o Goberno galego ten moito que dicir,” remarcou Rodil.
Estamos nun período de inflexión até as eleccións do 18 de febreiro pero a ameaza de que a fábrica de aluminio de San Cibrao poida pechar é de tal magnitude para o conxunto de Galiza que o mínimo é que o Goberno compareza e poña luz e taquígrafos sobre a situación, concluíu.