O BNG denuncia a opacidade do Goberno do PP que sistematicamente oculta a documentación que o Bloque solicita ao amparo do artigo 9 do regulamento do Parlamento, en concreto, máis de medio millar de solicitudes das que o 75% están sen responder pese a que o Executivo ten a obriga de facelo en trinta días.
Porén, 343 desas solicitudes de información foron realizadas fai máis dun ano e 43 son de 2020. Entre os temas que o PP oculta: a documentación das subvencións, préstamos e avais ao estaleiro de Barreras no contexto do fiasco de PEMEX, os contratos adxudicados a Eulen desde 2009, empresa na que traballa a prima de Feijóo, que ten incrementado a facturación coa Xunta nos últimos anos.
Igualmente, oculta a documentación das listas de agarda na sanidade, os datos das persoas falecidas nas distintas residencias da terceira idade durante o drama da pandemia, os convenios e contratos do SERGAS co sector privado, os expedientes sancionadores a hidroeléctricas ou a relación de parques eólicos proxectados nos ámbitos de aplicación de Rede Natura. O PP tamén se nega, até agora, a entregar o expediente de declaración BIC do Pazo de Meirás ou o censo da vivenda baleira.
Son algúns dos importantes asuntos sobre os que o BNG ten solicitado información que o Partido Popular retén, como denunciaba en Pleno o deputado Daniel Castro dun xeito moi gráfico utilizando un “abecedario da ocultación” que evidenciar que a opacidade do PP percorre todas as letras da A á Z.
“Empezando polo A de artigo 9, que vulneran sistematicamente, o B de Barreras, o C de CRTVG para saber o custo do Land Rober Tunai Show, o D de democracia, á que non lle fan moito caso, o E Eulen ou de Endesa, coa contaminación e verteduras no río Eume, o G de gustazo que dá ver concertos desde un palco VIP coas entradas pagadas polos galegos e as galegas”, enumerou Castro.
O deputado seguiu repasando o dicionario co “H das hidroeléctricas e os seus expedientes sancionadores, o L das listas de espera na sanidade, o N de Next Generation, en concreto dos proxectos remitidos ao Goberno central, o Ñ das artimañas que empregan para non contestar, o R dos seus contratos coa sanidade privada, o U da Universidade Abanca ou o V de vivenda baleira”.
“Que é o teñen que esconder señores e señoras do Partido Popular?, preguntou o deputado Daniel Castro, ao vicepresidente da Xunta, Diego Calvo, que non acertou a dar ningunha explicación máis aló da clásica cita ao bipartito de 2009.
“Non lle están fallando ao BNG, fállanlle aos galegos e galegas que teñen o dereito a que os seus representantes fagan o labor de control ao goberno, pero debe ser que o costume de pasar o rodillo absolutista fai que o PP esqueza a elemental práctica democrática de cumprir o regulamento do Parlamento, o lugar no que reside a soberanía de todos os galegos e as galegas”, concluíu.