A portavoz nacional, Ana Pontón, trasladoulle ao reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, as propostas que o BNG vai incorporar no programa electoral das eleccións galegas en relación ao sistema universitario, tras intercambiar co responsable da UdC diagnose da situación do ensino superior en Galiza.
Neste sentido, o Bloque considera que o financiamento é clave para garantir unha universidade pública igualitaria, de calidade e competitiva, agora cercenada pola política de recortes que aplicou Feijóo ao longo de sete anos de goberno seguindo as directrices do PP a nivel estatal.
É importante aprobar unha nova lei de universidades que garanta un financiamento xusto para os campus galegos, salientou Pontón, concretamente pensamos que no próximo período é posible ampliar o financiamento universitario ata acadar o 1,4% do PIB da media estatal e, en dúas lexislaturas, equiparemos o financiamento das universidades galegas á media en Europa que é do 2%.
Hai que ter en conta que, a día de hoxe, o sistema universitario recibe o equivalente ao 0,8% do PIB, e que a aportación da Xunta é menor en 2016 que en 2009.
Para o Bloque é fundamental non só mellorar o financiamento senón tamén que a suficiencia orzamentaria do ensino superior estea garantida por lei con obxectivos concretos cos que todos e todas nos podamos comprometer, argumentou Pontón, en contraste coa estratexia dos gobernos de Feijóo que condenan a universidade a un financiamento que son a metade da media do entorno europeo.
Pontón tamén aposta porque unha parte dese financiamento se vincule coa I+D+i, como elemento dinamizador da economía, ao tempo que denuncia o retroceso destes anos: O paso de Feijóo pola Xunta deixa como dato moi elocuente que se destruíron a metade das empresas de base tecnolóxica, e iso significa liquidar unha parte significativa das empresas poderían crear emprego, innovación, tecnoloxía e ser un polo de desenvolvemento, lamentou.
Residencia universitaria pública
Dentro da rolda de contactos cos máximos responsables dos campus galegos, Pontón tamén trasladou ao reitor a UdC que o Bloque incluirá n programa electoral a transferencia integral das bolsas á Xunta de Galiza, co obxectivo de ter un sistema de axudas adaptado á realidade do estudantado galego e evitar que se deneguen bolsas por usar criterios alleos á realidade das familias do país.
Pontón parabenizou o traballo do Bloque desde o goberno da Deputación da Coruña á hora de impulsar a construción dunha residencia universitaria pública para o Campus coruñés, en colaboración coa propia UdC, que confía poda estar en marcha no próximo curso académico, materializando unha vella demanda das autoridades académicas desta universidade.
Para o BNG defender a universidade pública é defender unha sociedade máis igualitaria, que aposte polo coñecemento e pola innovación como base para un novo modelo de desenvolvemento económico e social, concluíu Pontón.