A portavoz nacional, Ana Pontón, empezou a sesión de control destacando ante o presidente da Xunta que hoxe os galegos e as galegas son un 9,6% máis pobre, por unha inflación que está por riba da media estatal nunha Galiza que, en cambio, ten pensións e salarios máis baixos que no conxunto do Estado.
A líder do BNG instou ao xefe do Executivo a poñerse na pel da maioría social ante esta crise de prezos. “Como pensa que se sente un traballador, unha traballadora que a día 20 xa está en números vermellos, cando entra no supermercado e ten que pagar un 42% máis polo aceite, un 32% máis polos de ovos, un 15% máis polo leite ou un 12% máis polo pan. Aceite, ovos, leite, pan, produtos básicos na cesta da compra das familias”, destacou.
Afondando nos datos, Pontón citou a subida do 33% da bombona de butano, case en 20€, o incremento do 47% da gasolina, que ten convertido en “artigo de luxo” encher o depósito, ao que se suma a “estafa” legalizada da factura da luz. Subidas do 33, 42, 47% en bens de primeira necesidade, que contrasta coa subida salarial do 3,7% recollida nos 140 convenios colectivos asinados até maio.
“Bote contas señor Rueda e comprenderá porque a miles de galegos e de galegas lles sobra moito mes ao final do seu soldo”, recalcou, para a continuación criticar a inacción do goberno do PP, “instalado na propaganda, en botar balóns fora e en ser o Partido Popular do non á todo o que beneficia a Galiza: non á tarifa eléctrica galega para abaratar a factura da luz, non a unha empresa pública de enerxía, non a unha subida de impostos ás eléctricas que se están forrando”, recriminou.
Ante un PP instalado no non, o BNG pon sobre a mesa propostas, explicou, empezando por aquelas dirixidas ás persoas con menores ingresos, como subir o complemento autonómico das pensións non contributivas, incrementar a RISGA e facela compatible coa prestación do IMV e aumentar as axudas para gastos básicos de vivenda.
Igualmente, axudas directas ós sectores produtivos máis impactados pola crise, “e desde logo, subirlle os impostos ás eléctricas e as petroleiras que coa súa especulación estanse literalmente forrando a costa de roubarlle aos galegos e galegas”, subliñou Pontón.
A líder nacionalista lamentou que por toda resposta Rueda se limitase a “culpar de todo ao BNG, o propio dun goberno inútil”, criticou, reprochándolle ademais a “docilidade” demostrada ante vicepresidenta de Economía, Nadia Calviño, valorando como moi positivo un encontro que rematou sen ningunha inversión concreta para Galiza. “Nada para Galiza, pero o dócil presidente da Xunta saio todo contento da xuntanza”, ironizou, “ten que traballar máis e suar a camiseta de Galiza”.
11.600 M€ de orzamento, cero propostas
Recordoulle que o Goberno do PP xestiona 11.600 M€ o que lle da capacidade para adoptar medidas contra a crise de prezos “senón o fan o porque non queren”, recalcou, tras destacar que o Bloque propón mobilizar 700 millóns de euros, “hai recursos: o ano pasado deixaron sen gastar mil millóns de euros, só con executar ben e reorientar os recursos hoxe a situación da maioría social sería mellor”.
Pero, alegou Pontón, o Executivo de Rueda prefire seguir buscando culpables en lugar de dar solucións e gobernar para as eléctricas. “Que lle impide defender unha subida dos impostos ás eléctricas? Non é Madrid, senón o abrazo de Feijóo con Iberdrola, iso é o que lle impide defender unha medida xusta porque gobernan para os que máis teñen, para as empresas amigas do PP e para o lobby eléctrico e imos pararlle os pés ó boom eólico especulativo”.
“Mentres vostedes se rin, hoxe moitos galegos e galegas están asfixiados pola crise de prezos”, lamentou, “este País precisa un goberno e non simplemente xente quentando unha cadeira”, concluíu.