Galegas 2016

Pontón replica a Feijóo que trouxo o caos a miles de galegos e galegas que non chegan a fin de mes

Ana Pontón
Ana Pontón

A candidata nacionalista á Presidencia, Ana Pontón, ironizou sobre o empeño do presidente e candidato do PPdG de presentarse como o “salvador” de Galiza baixo a máxima de “eu ou o caos”, e denuncia que foron as políticas de recortes practicadas pola dereita desde a Xunta as que teñen provocado “o caos” que nos deixa un país con máis pobreza e máis desigualdade social.

“É incrible que Feijóo se presente como a salvación ante o caos, cando o que realmente fixo estes sete anos foi crear caos en moitos ámbitos e foi quen creou caos na vida de moitas persoas que non teñen oportunidades e ven como son desafiuzados das súas casas ou que non poden chegar a fin de mes”, denunciou Pontón.

A candidata do Bloque amosouse convencida de que a cidadanía aproveitará o 25S “para acabar co caos de Feijóo” optando “polo proxecto de país solvente e serio que representa o BNG, no que os galegos e as galegas poden confiar para deixar atrás estes sete anos perdidos”.

Dentro da axenda de traballo con axentes sociais, económicos e empresarias, Ana Pontón visitou as instalacións de Congalsa na Pobra do Caramiñal, un referente na transformación de produtos derivados da pesca a nivel estatal e un exemplo de como xerar valor engadido e riqueza. Nese contexto, a candidata nacionalistas explicou as propostas programáticas en materia de I+D+i.

“Precisamos un goberno que aposte pola investigación como un piar para un novo desenvolvemento de Galiza”, subliñou, tras lamentar que os sete anos de Goberno do PP na Xunta teñan situado Galiza nos niveis de I+D+i máis baixos de todo o Estado, con taxas inferiores ao 0,9% do PIB fronte á media estatal do 1,3 que, a súa vez, está moi por debaixo da media europea.

“A proposta do BNG é potenciar o investimento en investigación e desenvolvemento para xerar riqueza e crear emprego de calidade, e temos un compromiso claro para incrementar ata o 2,5% do PIB os recursos adicados a I+D+i e poñer fin ao subdesenvolvemento nesta materia. Temos que establecer unha colaboración entre a Administración, as universidades e a empresa privada”, concluíu.

Pontón agradeceu á dirección de Congalsa a visita a estas instalacións punteiras e a detallada explicación do proxecto empresarial que están a desenvolver, “un gran exemplo do que pode facer este país”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG