Pontón pídelle a Rueda que acuda a Moncloa antepoñendo os intereses das galegas e dos galegos aos que lle marca Feijóo desde Madrid

Ana Pontón
Ana Pontón

Reclámalle ao titular da Xunta que negocie con Sánchez a quita da débeda que o PP triplicou e un sistema de financiamento que sexa xusto con Galiza

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamoulle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que acuda a Moncloa antepoñendo os intereses dos galegos e as galegas ás ordes que lle da Feijóo dende Madrid seguindo a estratexia de Génova.  Reclamoulle así que  negocie co seu homólogo no Estado, Pedro Sánchez, un sistema de financiamento xusto para o País, así como a quita da débeda que o BNG incluíu no seu acordo de investidura e que lle reportaría á Xunta, subliñou, máis cartos para financiar a sanidade e a educación.  

“O que lle pido a Rueda é que aparte a axenda madrileña e os intereses partidistas do PP e que antepoña a defensa dos intereses dos galegos e as galegas”, asegurou Pontón en resposta aos xornalistas respecto ao encontro que manterán esta semana Sánchez e Rueda. Unha cita á que o presidente da Xunta debería acudir cunha “posición de País” consensuada coa oposición para abordar os temas que máis preocupan e máis afectan á vida dos galegos e ás galegas.

É por iso que advertiu que “non pode ser que o tema central estea excluído da axenda do presidente da Xunta porque así llo dita o señor Feijóo dende Madrid”, dixo en alusión ao sistema de financiamento autonómico, “a cuestión na que máis nos estamos a xogar neste momento os galegos e as galegas” e cuxa reforma está pendente dende 2014. Defendeu, neste sentido, unha reforma que “nos permita ter as chaves dos nosos cartos” e recalcou que o sistema actual é “inxusto” con Galiza, que sae “penalizada”, entre outros motivos, porque o Estado non garante a suficiencia financeira dos servizos públicos.

Pontón, que considera a Rueda un presidente desleal con Galiza, considerou prioritario que o xefe do Executivo galego reclame unha quita da débeda “exactamente igual á que poida ter outra comunidade”, precisou, para a continuación lembrar que o PP triplicou e situou “en máximos históricos” esa débeda. “Rebaixala significaría de maneira directa que imos ter máis recursos para a nosa sanidade e a nosa educación”, engadiu.

A portavoz nacional lembrou que a quita de débeda xa foi incluída no acordo de investidura asinado polo BNG para que Galiza “non sufra ningunha discriminación” nesta cuestión, polo que non se entendería que Rueda non a demande agora “unicamente por seguir as directrices de Génova. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG