A portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón, celebrou a unanimidade da Cámara para aprobar a Lei do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, “un dos grandes sinais da nosa identidade como nación” co que Galiza mantiña unha “débeda pendente, que hoxe empezamos a saldar, para preservalo, coidalo, enaltecelo e, sobre todo, dalo a coñecer entre as novas xeracións”.
“Un símbolo da nosa identidade non pode reducirse a un uso litúrxico desconectado da cidadanía. Ao contrario, ten que ser un lugar de encontro e de celebración da nosa historia”, asegurou Pontón, que destacou na súa intervención que a lei aprobada “outorga ao Panteón a categoría de símbolo nacional, de emblema da identidade do pobo galego”, unha declaración que, lembrou, o BNG levaba anos reclamando.
Destacou ademais a relevancia que ten a nova nomenclatura do Panteón porque “acaba coa invisibilidade das mulleres”. “Non deixa de sorprender que tivese que pasar máis dun século para que a galega máis universal, a que motivou a creación deste Panteón en 1981, fose visible na propia denominación deste símbolo nacional”, considerou.
“Como muller, como feminista, como galega, sinto de corazón que hoxe tamén lle devolvemos a Rosalía un pouco do moito que ela nos deu co seu exemplo de rebeldía e de valentía”, engadiu Pontón, para quen a nova nomenclatura supón un recoñecemento “á mais ilustre entre os ilustres” e, con ela, “a todas as mulleres invisibilizadas ao longo da historia”.
A lei aprobada, afondou, resolve algunhas das cuestións derivadas da sentenza de 2006, pola que Santo Domingo de Bonaval pasaba a mans da Igrexa, incluíndo a titularidade do Panteón, “un espazo civil no que lembrar digna e colectivamente a algunhas das personalidades máis relevantes da nación galega”.
Pontón salientou que a norma aprobada no Parlamento galego permitirá darlle a este espazo a rehabilitación e preservación que precisa, así como ter unha “xestión pública e laica dun símbolo que é de todas e todos, máis alá da ideoloxía de cada quen”, e facilitará ademais a difusión e promoción dun espazo identitario e cultural simbólico.
“Esta lei permite pasar a páxina, por fin da actitude timorata que até agora tivo o Goberno da Xunta”, afirmou a portavoz do Bloque, que celebrou que por fin o Panteón das Galegas e dos Galegos Ilustres vaia ter o tratamento acaído para situarse á mesma altura que os símbolos nacionais que xa recoñece o Estatuto: a bandeira, o escudo e o himno de Galiza.
O BNG sostén que a lei aprobada era un paso necesario “pero non suficiente” para garantir a mellor xestión, difusión e posta en valor do Panteón. De aí a petición expresada pola súa portavoz para que se dote á fundación que o vai xestionar dos recursos económicos suficientes para, por exemplo, acometer as necesarias obras de rehabilitación e conservación dun espazo emblemático compartido por Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, Francisco Asorei, Ramón Cabanillas, Domingo Fontán e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
“Custou moito chegar até aquí, moitos esforzos e tecer consensos, non tería sentido estragar todo o logrado deixando que que esta lei quede varada no tempo. Desde logo, o BNG vai facer todo o posible para que cumpra a súa finalidade o mellor posible. Ao fin e ao cabo estamos falando da nosa identidade como pobo, de honrar a memoria daquelas persoas que nos fan sentir orgullo de pertencer a este gran proxecto colectivo que é a nación galega, sexa cal sexa a maneira que cada ten teña de sentila e de vivila·, concluíu Pontón.