Europeas 2024

Pontón e Miranda piden concentrar no BNG o voto de todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón e queren unha Europa da paz

O BNG é a candidatura de País, a que lle dá voz propia e firme a Galiza en Bruxelas e, ao mesmo tempo, defende todas as causas xustas, proclaman

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, fixeron un chamamento a todos os galegos e as galegas que levan Galiza na cabeza e no corazón para que o domingo enchan as urnas coas papeletas do BNG, que é o “equipo da casa” para defender en Bruxelas os intereses do País e, ao mesmo tempo, unha Europa xusta e da paz, a Europa decente.

“A papeleta do BNG é a de todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón, a da mocidade que quere futuro, a das persoas que dicimos Altri non porque sabemos que o futuro da industria ten que ser sustentable, somos a papeleta que vai pelexar polo noso e a que lle vai dar voz propia a Galiza e, ao mesmo tempo, a que defende unha Europa social, xusta e da paz”,  proclamou Pontón nun acto celebrado en Santiago neste último día de campaña electoral.

Un acto no que apelou á concentración na papeleta que encabeza Ana Miranda de  todo o voto “galego e rebelde” e no que fixo un chamamento expreso a todas aquelas persoas que xa confiaron no BNG noutras eleccións, e tamén aos que aínda non o fixeron. “Non lles imos fallar nin da defensa de Galiza, nin na defensa do seu futuro nin na defensa dunha Europa mellor”, dixo.

Pontón subliñou que este 9-X os galegos e as galegas “xogámonos moito, moitísimo”, e que por iso hai que mobilizarse enchendo as urnas “con esperanza, ilusión e alegría” de papeletas do BNG, que é “a candidatura do País, a que defende os intereses de Galiza aquí, en Madrid e en Europa”, afirmou nunha chamada a usar “o poder do noso voto” para ter en Bruxelas unha “voz propia con máis forza” e, ao mesmo tempo, unha “Europa decente, dos pobos, social, xusta, antimilitarista e da paz”.

O voto ao BNG, engadiu, é o que garante que en Bruxelas se fale dos nosos sectores produtivos, das nosas infraestruturas, dos servizos públicos, de dereitos sociais, de vivenda, do futuro da mocidade ou do avance das mulleres dende o feminismo, exemplificou. “Galiza ten retos problemas e necesidades propias, que deben ser atendidas e defendidas”, como xa fixo durante estes anos Ana Miranda, “a voz firme e constante que os galegos e as galegas temos en Bruxelas”.

A portavoz nacional referiuse ao Bloque como a “forza política propia” que representa á xente do País nas institucións comunitarias e a única, apuntou, que durante a campaña se dirixiu aos galegos e as galegas para falarlle do que lles importa, dos seus soños e as súas ambicións, ao contrario das forzas estatais, que nesta campaña “decidiron dimitir” en Galiza, á que ven só como un “caladoiro de votos”. “Dimitiron de falarlle ás galegas e aos galegos, de atender os problemas de demandas que son importantes para o País”, criticou.

O BNG foi a única forza, agregou, que fixo campaña electoral en Galiza para explicar o que defende, como “o dereito a producir e a decidir sobre os asuntos que nos afectan directamente, a usar os nosos recursos naturais para crear riqueza e emprego aquí, a estar no mundo con orgullo desde a nosa identidade, lingua e cultura”, sintetizou.  “Por Galiza e polas causas xustas, o domingo é o momento do BNG”, concluíu.  

 “Se non o facemos nós, non o fará ninguén”

Pola súa parte, Miranda incidiu tamén na importancia dunhas eleccións nas que Galiza se xoga moito porque nas institucións comunitarias decídense moitos asuntos que afectan á vida dos galegos e das galegas.

“Xógase que en Bruxelas se fale dos temas galegos, das preocupacións dos traballadores e das traballadoras, da xente do mar e do agro, da mocidade, das persoas que non chegan a fin de mes, das que non reciben atención médica e dos miles de galegos e galegas que non teñen máis esperanza que a do BNG porque sofren os recortes do Partido Popular”, exemplificou, para recalcar a continuación que o escano galego tamén servirá para defender a “Europa dos pobos, a igualdade, o feminismo e a paz”.

A candidata nacionalista recalcou que o Bloque é “a garantía de ter unha voz propia en Europa” que defenda os intereses dos galegos e das galegas, a diferenza das forzas estatais, “libre e sen intermediarios”.

“Porque se non o facemos nós, non o fará ninguén”, proclamou logo de recordar o traballo desenvolvido neste sentido ao longo dos últimos anos nos que o BNG posibilitou ademais que se escoitaran en Bruxelas a distintos colectivos, aos que se comprometeu a seguir dando voz nas institucións comunitarias. Neste sentido, recalcou que o escano galego tamén servirá para seguir defendendo “as causas xustas da Humanidade” e para darlle voz de igual xeito á “Europa dos pobos, da igualdade, do feminismo e da paz”.

Por iso, a cabeza de lista fixo un chamamento á cidadanía para “encher as urnas con ilusión, esperanza e alegría coa papeleta do BNG” o próximo 9 de xuño para “seguir traballando con foza por este País e que os galegos e as galegas teñan voz propia en Europa”, concluíu.  

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG