O portavoz de Enerxía do BNG, Xosé Manuel Golpe, denunciou este mércores no Pleno a falta de compromiso da Xunta cos concellos de transición xusta e, máis en concreto, co das Pontes que, dixo, estase a converter nun “páramo industrial” tras o peche da central térmica, que trouxo consigo a destrución de emprego ou o traslado a outras zonas do Estado.
“Se repasamos os orzamentos da Xunta vemos que hai cero inversión nun concello con múltiples posibilidades, polo nó de conexión, a auga dispoñible ou a proximidade ao porto exterior”, asegurou o deputado nacionalista, quen subliñou os efectos que está a ter a falta de alternativas na comarca, con perda de poboación e unha baixada considerable nas afiliacións á Seguridade Social.
“Destinar os fondos de transición xusta fora dos concellos obxectivos, sen ter en conta a súa singularidade, non é compromiso algún”, advertiu no transcurso dunha pregunta formulada á conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, sobre as medidas que está a desenvolver a Xunta respecto do nó de transición xusta das Pontes e sobre as xestións para garantir que os proxectos industriais “acaden bo porto”.
Criticou, neste sentido, que nos catro anos que pasaron dende que Endesa solicitou o peche da central non se materializou aínda ningunha iniciativa. “Hai proxectos anunciados, unha morea, e algúns van dando pasos na tramitación administrativa, pero outros amosan debilidades que fan pensar que nunca van ver a luz”, considerou.
Entre outros proxectos, referiuse á bioplanta de Ence, á fábrica de pneumáticos de Sentury, á de hidróxeno verde H”Pole, á central hidráulica reversible de Magtel ou á fábrica de amoníaco verde de Universal HS. Todos proxectos declarados de interese estratéxico pola xunta que, para facerse realidade, precisan a conexión á rede e a garantía de que van ter un subministro de electricidade en tempo e forma, explicou.
“Dicir isto cando acaban de quedar vacantes 1.400 MW que deixou libres a central térmica parece unha obviedade, pero non hai ninguén a día de hoxe que poida asegurar que estas empresas van ter un subministro”, advertiu, para criticar a continuación a xestión feita por Rede Eléctrica do nó de transición xusta de 400 KV e a falta dun concurso de transición xusta que xa ten rematado noutras partes do Estado.
O portavoz de Enerxía do BNG referiuse tamén ao “rechamante” caso da nova subestación de Maciñeira, “que nun principio, tal e como figura na documentación da planificación de rede de REE, estaba destinada aos consumos destes proxectos industriais pero que agora á transición xusta”, polo que “non entendemos nada”, dixo ao respecto.