Parlamento Galego

BNG presenta un plan de traballo con 70 comparecencias e propón que 50 se escollan segundo a representación dos grupos

Luís Bará
Luís Bará

O Bloque pide que ningún grupo teña capacidade de veto das solicitudes de comparecentes na comisión de investigación sobre as contratacións do PP

O plan de traballo que o BNG presentará hoxe para a comisión de investigación sobre os chanchullos do PP nas contratacións da Xunta inclúe un máximo de setenta comparecencias e propón que, destas, vinte se escollan co apoio de como mínimo dous grupos parlamentarios e que as outras cincuenta se seleccionen entre as presentadas por cada grupo atendendo a un sistema de cotas, é dicir, segundo a súa representación na Cámara. Ademais, o Bloque propón que “ningún grupo poderá vetar solicitudes de comparecencias presentadas polos outros grupos”.

O BNG presentará a súa proposta na reunión da Mesa da Comisión de Investigación, que se reunirá hoxe ás dúas e media da tarde para examinar as achegas dos grupos parlamentarios e elaborar unha proposta de plan de traballo. Esta será sometida a votación na propia comisión, que o PP quere convocar pola vía de urxencia para mañá.

Segundo subliña o viceportavoz do BNG Luís Bará, trátase dunha proposta “con vontade de chegar a acordos desde a xenerosidade”. “O Partido Popular ten que decidir se quere negociar o plan de traballo ou se pretende impoñer de maneira unilateral o seu propio plan para boicotear unha comisión que xa resulta moi incómoda e a que se puxo desde o primeiro momento e tamén agora”, engade.

O plan de traballo nacionalista programa a comisión en tres fases. Unha primeira sería para solicitude de documentación, que “deberá ser entregada e recibida nun prazo de vinte días hábiles”. Establece, neste punto, que “se terán en conta todas as solicitudes de documentación presentadas polos grupos”.

A segunda fase do plan de traballo é a que estaría dedicada aos comparecentes que serán chamados para avanzar na finalidade da comisión, creada a iniciativa do BNG para investigar o sobrecusto de 470 millóns de euros do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, os contratos de emerxencia da pandemia e as adxudicacións da Xunta a empresas amigas e vinculadas a familiares de altos cargos do PP -entre elas Eulen, a que dirixe en Galiza a irmá de Núñez Feijóo- .  

O BNG xa avanzou que, entre outras, pedirá as comparecencias do presidente da Xunta, Alfonso Rueda e do seu sucesor no cargo e actual líder do PP, Alberto Núñez Feijóó, así como as da súa da súa irmá e a do seu cuñado, a da parella sentimental da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, ou a das conselleiras e conselleiros con responsabilidades no sobrecusto do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

En canto á terceira fase do plan de traballo que propón o BNG, estará dedicada á elaboración de conclusións e propostas de ditame tendo en conta a documentación, informes e comparecencias. Se fose necesario, e a solicitude dalgún dos grupos, o Bloque abre a porta a que se puidesen solicitar novos informes, documentos ou aclaracións referidos ao obxecto da comisión.

En canto ao calendario, a proposta nacionalista establece vinte días hábiles para a primeira fase, a da documentación; un máximo de tres meses para as comparecencias; e outros tres meses para a fase de ditame, que sería flexible no caso de solicitude de nova documentación e comparecencias.   

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG