Pontón: "O informe europeo sobre o uso do galego é un varapao á Política Lingüística da Xunta"

Ana Pontón explica o contido do informe do Consello de Europa

A deputada reclama que se abra unha nova etapa baseada en tres eixos: “Recoñecer a realidade de discriminación do galego, un compromiso firme cos dereitos das persoas polo uso da súa lingua e que a Xunta e Partido popular rectifiquen os obstáculos como o decreto do plurilingüismo”.

Ana Pontón en rolda de prensa

A parlamentaria do BNG, Ana Pontón valorou hoxe, en rolda de prensa, o informe de avaliación de cumprimento da Carta europea das linguas rexionais e europeas minoritarias, informe avalado polo propio Consello de Europa e que dende o BNG, manifestou, resulta unha “emenda á totalidade” á política lingüística que o Partido popular está aplicar en Galiza.

O Consello europeo constata o impacto negativo do decreto do plurilingüismo

A parlamentaria lembrou que o propio Consello de Europa chama a atención sobre as consecuencias do decreto contra o galego e afirma que “o decreto do plurilingüismo do 2010 tivo un impacto moi negativo ao fixar un máximo do 50% de ensino galego co obxectivo final de reducido a un terzo mentres que prohibe o ensino en galego en Matemáticas, na Primaria, e en Matemáticas, Tecnoloxía e Química na Secundaria” e con respecto ao ensino na etapa infantil, “o galego só está presente en niveis do 6,57% en cidades de máis de 50.000 habitantes”.

O BNG reclama elaborar un novo decreto do ensino do galego para acadar a súa normalización

Pontón reclamou abrir unha nova etapa para conseguir a “ total normalización do idioma galego”. Esta nova etapa, explicou, debe partir de tres principios fundamentais: Que a Xunta recoñeza a situación de desigualdade e desequilibrio do galego, garantir o dereito a vivir en galego sen discriminacións polo seu uso e finalmente, vontade política da Xunta de Galiza e o Partido popular para rectificar “os atrancos” contra o galego.”

Ana Pontón

 Para a deputada resulta imprescindible elaborar “un novo decreto que regule a presenza no ensino do uso do galego”. Por outra parte considerou que o discurso de fondo do informe europeo avala as reivindicacións da plataforma Queremos galego, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e outras institucións que sinalaban que a aprendizaxe doutras linguas no ensino “nunca podía ir en detrimento da propia lingua”.

Asemade, a parlamentaria denunciou que a Xunta de Galiza non fixo pública avaliación do impacto do decreto a pesar de estar recollida no informe de competencia lingüística e agora constamos,dixo, como expertos europeos e o propio Consello de Europa sinalan que un dos problemas observados é precisamente a ausencia desa avaliación.

Dende o BNG, engadiu, consideramos que o Partido popular non quere facer pública a avaliación porque sabe que “o impacto do decreto do plurilingüismo vai en contra do galego e do seu coñecemento”.

Ana Pontón explica o contido do informe do Consello de Europa

O informe europeo, abondou Pontón, tamén resalta as dificultades do emprego do galego na Xustiza, o retroceso nos servizos públicos na atención en lingua galega e a necesidade de impulsar acordos para que o galego gañe maior espazo nos medios de comunicación así como no ámbito bancario e no sistema sanitario.

Finalmente, a parlamentaria concluíu criticando a “mentira” na que vive instalado o Partido popular “mirando para outro lado” ante os problemas do galego na propia administración e o incumprimento da legalidade, á hora de protexer os dereitos das persoas a usar a propia lingua.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG