Pleno: Tejerina admite a Davila que "un Acordo lácteo voluntario non pode ter sancións"

olaia4009A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, formulou esta mañá no Pleno do Congreso unha pregunta á Ministra de Agricultura sobre o método elexido para a concesión de axudas ao sector lácteo, fórmula discriminatoria que deixa fóra a boa parte dos produtores galegos.

A Ministra de Agricultura limitouse a negar as críticas da portavoz do BNG, que en definitiva trasladou o malestar do sector produtor galego polo sistema para a concesión de axudas pola crise láctea. Mais en ningún momento explicou os criterios estabelecidos, nin aclarou o umbral de prezos para poder acceder ás axudas, simplesmente negou que fose perxudicial para os gandeiros galegos.

Razón pola que Davila lle espetou: “Vostede dí que non é certo pero non o aclara. Non me dí cais son os criterios que vostedes manexaron. É totalmente inadmisíbel e non se pode entender que un Goberno estabeleza unhas axudas que para que sexan percibilas polos gandeiros galegos teñen que ter vendido o leite a menos de 24 céntimos. Mentras que gandeiros do resto do estado poden acceder ás subvencións cando a venderon a menos de 31 céntimos. Iso é discriminación a un sector lácteo que é fundamental para a supervivencia do noso agro”.

Un Acordo que cuestionan até algúns asinantes

Ademáis, a deputada do BNG censurou o Acordo acadado que non foi asinado polo 50% do sector, fundamentalmente organizacións agrarias, porque non resolve o problema dos prezos. Una Acordo que “vostedes celebraron moito” pero que incluso é cuestionado por algúns dos asinantes: “persoas do sector da industria que si o subscribiron chegaron a afirmar que é un Acordo que só vale para a foto porque non estabelece, tal e como reclaman os gandeiros, un prezo orientativo ou de referencia. É voluntario, non conta con medidas sancionadoras para que se leve a cabo”.

A deputada do BNG acusou a Tejerina de non empatizar cos produtores galegos que protagonizaron masivas manifestacións. “Vostedes non entenderon as movilizacións do sector gandeiro na Galiza. Non entenderon que cando miles de gandeiros se movilizan deixando o seu labor e o seu carto porque non producen durante os días de movilización, é porque non poden soportar unha situación límite”. Lembroulle que no que vai de ano desapareceron 600 explotacións na Galiza.

Resposta da Ministra de Agricultura

A Ministra adoptou unha posición á defensiva sen entrar na explicación do que lle pedía a deputada do BNG, o sistema de concesión das axudas. A titular de Agricultura deu dados xa propagados: que se habilitarán 45 millóns adicionais, 20,5 de fondos comunitarios e 20 do orzamento do estado. Unhas partidas, dixo, que “se sumarán aos 250 que recibirán da PAC”.

Afirmou que “todas as explotacións do estado recibirán axudas, sobre todo as que máis o precisen” e que o criterio é que non pechen explotacións. Aínda que sobre a mesa están as cifras de desaparicións de explotacións que lle lembrou Davila.

Tejerina replicou a Davila que “todo o que dixo sobre os cálculos das axudas é absolutamente falso”. Sinalou que “hai un único umbral para todos os gandeiros” pero non dixo cal era. Dixo que o 83% dos beneficiarios serán galegos “e recibirán máis PAC”. Indicou á deputada do BNG que “non deixará a ninguén fóra do apoio”, malia as críticas dos gandeiros galegos.

A Ministra defendeu o Acordo acadado, e atacou á deputada do BNG por “defender cousas inviábeis”, en relación á demanda de que haxa un prezo de referencia obrigatorio e con sancións para que se cumpra. Na súa resposta a Ministra deixou claro que está en contra dun réxime de sancións no caso de que non se cumpran os prezos, e apelou “á legalidade existente” para defender o carácter voluntario da referencia de prezos. Nese sentido, sostivo que “un Acordo voluntario non pode ter un réxime de sancións”.

O que ven a demostrar a súa ineficacia á hora de protexer ao sector, o eslabón máis débil da cadea, fronte aos abusos da industria e das cadeas de distribución.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG