O Parlamento galego aprobou co apoio de todos os grupos a proposta presentada polo BNG para esixirlle a Xunta medidas para enfrontar a falta de capturas da sardiña, que inclúe como punto central garantir o pago das axudas durante os paros biolóxicos desta especie, cuxo reparto de cota na costa peninsular está compartido con Portugal, coa excepción da Zona 8 que explotan basicamente as frotas cántabra e vasca sen limitación de capturas.
O portavoz nacionalista de Pesca, Daniel Rodas, autor da iniciativa parlamentaria, salientou que a frota galega aínda non percibiu axuda algunha pola parada biolóxica de 2014, mentres que Portugal xa obtivo 2,7 millóns de euros en axudas para os armadores e tripulantes lusos en 2015.
A actual regra de xestión foi aprobada de costas ao acordo do Consello Galego de Pesca que demandaba 4 días de pesca á semana, xestión das tres zonas de pesca, 2.000 quilos de captura diarios ou vedas temporais de ata cinco meses. Medidas que non se tiveron en conta polo Goberno central.
A situación é dramática pola caída en picado das capturas, advirte Rodas, poñendo sobre a mesa os datos de pesca desta especie, que pasaron das 55.000 toneladas no 2012 ás 15.000 toneladas de 2015. A isto hai que sumar a proposta de reducir nun 25% o tope de capturas para este ano.
O BNG tamén chama a atención sobre o reparto de cota de pesca que, de novo, prexudica á frota galega. En cifras globais, explicou Rodas na Comisión de Pesca, Portugal consumiu o 53% dese TAC de 15.000, e o 47% restante foi para o conxunto do Estado español, pese a que a frota lusa suma un cento de barcos e a española 330 unidades.
Aínda máis, entrando no detalle do tramo de cota española para esta pesquería, o 40% da capturas son no Golfo de Cádiz, -onde operan 86 barcos-, e o 60% no cantábrico noroeste, onde pescan 154 embarcacións galegas, case o dobre cunha porcentaxe de capturas case idéntico.
A este reparto tan desigual se suma a exclusión da cota global de pesca de sardiña para España-Portugal da Zona 8 do noroeste, onde opera case en exclusiva a frota cántabra e vasca, que ten incrementado de xeito exponencial as capturas de sardiña nos últimos anos para compensar a caída de outras especies como o bonito do norte, indica Rodas.
Neste contexto, a iniciativa do BNG amais do pago das axudas por paro biolóxico, para que os tripulantes teñan algo que levarse á boca neses meses, demanda da Xunta revisar o acordo de reparto de cota da pesquería da sardiña con Portugal, prorrogado neste momento nos termos de 2015, poñer en valor as medidas de regulación que defende a frota galega desde 1997 como os topes diarios, menos días de actividade para un maior descanso semanal e a creación de emprego entre outras.
É preciso un maior compromiso da Xunta, escoitar ao sector e poñer medidas concretas encima da mesa ante a escaseza do recurso para acabar con este desamparo da frota, concluíu Rodas.