Olalla Rodil: “A propaganda do PP nos hospitais e nos centros de saúde non curan nin salvan vidas”

Olalla Rodil
Olalla Rodil
O BNG solicitou a comparecencia do titular de sanidade, Jesús Vázquez Almuíña para explicar a morte dunha persoa tras agardar máis de 45 minutos por unha ambulancia en Dozón

Tras a Xunta de portavoces para elaborar a orde do día do vindeiro pleno, a  viceportavoz do grupo parlamentario do BNG, Olalla Rodil lamentou que unha vez máis, o Partido popular impedirá a comparecencia do conselleiro de Sanidade para explicar o falecemento  dunha persoa na localidade de Dozón, despois de agardar máis de 45 minutos por unha ambulancia do 061. A propaganda, afirmou Rodil, non soluciona os problemas e por “máis carteis que a Xunta de Galiza pague para poñer nos hospitais, os carteis non curan enfermos nin salvan vidas”.

Rodil anunciou que o BNG centrará a maior parte das súas intervencións  nos graves problemas da sanidade pública galega e avanzou que  a portavoz nacional, Ana Pontón formulará a pregunta ao Presidente da Xunta tamén neste sentido porque, lonxe de mellorar a situación, agrávase. “Agrávanse as listas de agarda, a precariedade laboral, a sobrecarga dos e das traballadores, a falta de persoal en moitos centros de saúde” e  as consecuencias págaas o conxunto da sociedade galega que padece os recortes e privatizacións.

Rodil insistiu en que as consecuencias da política sanitaria do Partido popular son dramáticas como coñecemos onte mesmo co falecemento dun home en Dozón que puxo de manifesto a falta de medios sanitarios en moitas comarcas do país. “A ambulancia tardou máis de 45 minutos en chegar”.

Na comarca do Deza, explicou a deputada, só hai 3 ambulancias non medicalizadas, para cubrir máis de 1.700 km cadrados de territorio.

Levamos anos reclamando que se dote de máis medios a comarca do Deza-Tabeirós e sen ir máis  lonxe, desde o BNG reclamámolo no último concurso do 061 e o Partido Popular na Xunta de Galiza opúxose.

Hoxe desde o BNG, xunto coas demais forzas da oposición,  solicitamos a comparecencia urxente do conselleiro de Sanidade para abordar os feitos que provocaron a morte dun home que agardou máis de 3 cuartos de hora por unha ambulancia.

“O PP vetou a solicitude. O mesmo que fixo cando faleceu un doente no PAC da Estrada”. Desde o BNG imos preguntarlle  Feixóo “que máis ten que pasar para que o seu goberno rectifique os recortes e privatizacións que están poñendo en risco a vida e a saúde das persoas”.

A XUNTA ENTREGA UN MILLÓNS DE EUROS A POVISA

Noutra orde de cousas, Rodil anunciou que o BNG defenderá unha moción   para que a Xunta “merque o hospital de POVISA” e sexa integrado na rede sanitaria pública galega.

É preciso blindar o carácter público da sanidade, remarcou a nacionalista que cualificou de “inadmisible” que se entregue a un fondo de capital estadounidense un centro hospitalario que atende a 139 mil persoas. O fondo de capital só busca facer negocio coa saúde e a Xunta demostrou a súa complicidade ao entregarlle “un millón de euros” para que Povisa continúe “engordando os beneficios do concerto”.

O BNG PIDE UNHA COMISIÓN PARA ABORDAR O PROBLEMA DO XABARIL

Finalmente, a viceportavoz tamén aludiu á solicitude para crear unha comisión parlamentaria sobre os graves problemas que está a ocasionar o xabaril e de maneira especial, no sector agrogandeiro. As perdas económicas polos danos desta especie son enormes e mentres isto acontece a Xunta de Galiza só responde “a golpe de improvisación”.

Desde o BNG queremos que se aborde con seriedade e  rigor científico o problema do xabaril aplicando medidas axeitadas  máis alá de permitir a caza en 33 concellos calquera día da semana.

Fan falta máis que escopetas e o que vemos é que a Xunta de Galiza é incapaz de estar á altura das circunstancias por iso cremos que  o Parlamento  debe actuar, concluíu.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG